Cataluña dende Galiza

| ISAAC DÍAZ PARDO |

OPINIÓN

01 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

NON IMOS retroceder ao século X cando Al-Andalus comprimía a Cataluña no Condado de Barcelona, e Tarragona e Lleida eran terras islámicas. Non; imos dar un salto ao 11 de setembro do ano 1714, Rafael Casanova, conseller en cap, é ferido no asalto a Barcelona das tropas de Felipe V, xogada que ganaba Francia, que nas Guerras de Sucesión e a Paz de Utrech, Cataluña perdía o Rosellón. A os que ían implantar un centralismo artificial ubicado en Castela non lles importaba que España perdese o Rosellón, o que lles importaba con satisfacción era que Cataluña perdese algo que lle pertencía. Na conquista de Cataluña prometeron respetar as súas formas culturaes e os seus dereitos, máis axiña impuxeron a Nueva Planta , eliminaron a lingua catalana até onde poideron e se impuxo o terrorismo militar coa represión, e, por suposto, eliminaron o Réxime Constitucional de Cataluña. O 11 de setembro de todolos anos os cataláns celebran a Diada diante da estatua de Casanova como un día sinalado: La Diada de Regar , que supón coidar a esperanza do povo catalán. A diferencia que hai entre a perda do poder político en Galiza e a mesma perda en Cataluña está en que a Galiza o centralismo lle arrebatou a súa soberanía hai nove séculos (dende o ano 1070) e a Cataluña non chega a tres séculos (dende o ano 1714). As diferencias reivindicativas de un e outro povo están craras, mais nós temos esa outra Galiza, a bracarense que se salvou a partir do Miño e que hoxe ten un abano coa raíz da nosa fala de máis de 200 millóns de seres. Os condados cataláns, co predominio do de Barcelona, que formaron a Corona de Aragón, levaron a cultura catalana pola costa mediterránea no século XIII deica Orihuela e ás Illas Baleares. Cando Fernando el Católico únese a Isabel de Castela, os reinos da Corona de Aragón seguirán gozando das súas institucións peculiares. Entón os reinos uníanse por guerras ou por matrimonios de conveniencia, como Deus manda, e como é civilizado, pois o amor é outra cousa, aínda que poden coincidir, e, aínda que non o mande Deus, formaron un imperio que se adicou a perseguir aos xudeus e a os mouros. O desastre de 1898, coa perda das tres derradeiras colonias que tiñamos a mans dos EE. UU., dos que hoxe somos unha especie de Estado asociado, despertou a concencia das forzas que aínda non morreran no desastre da política centralista, e comenzaron a reivindicarse as realidades básicas do Estado plurinacional que somos, e todos os esforzos que fixo o centralismo por arrombalos non o conseguiu, nin utilizando demagogos corruptos; Lerroux -o chulo do Paralelo-, por poñer un exemplo catalán vendo como se trata a este povo irmao. Polo mundo adiante sábese que Cataluña é un dos grandes povos da Europa. Ás veces recórdannos dende Madrid que xamáis España tivo un periodo tan longo como o que vai dende a morte de Franco, nin un nivel de vida millor. E nós podemos recordarlle que con independenza do de Yugoeslavia, e recentemente eso que mandamos ao Iraq, é exactamente o mesmo periodo de paz que disfroita toda Europa. E a bonanza económica ven, precisamente, no que se avanzou na descentralización; pero hai cousas que poden millorarse sen que perigue a paz.