Unha visita a Sevilla

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

SEN EXCEDENTES económicos, sen iniciativa empresarial capaz de xerar riqueza (pública ou privada), dificilmente poderemos pensar nun desenvolvemento cultural autónomo, competitivo. A cultura, nas súas variadas manifestacións, é unha expresión máis das capacidades obxectivas da sociedade, capacidades que se manifestan igualmente no plano político, económico, social e laboral, coas mesmas expectativas e as mesmas frustracións, chegado o caso. Non é posible entender a creacion e a producción cultural fóra da lóxica interna do sistema. Razóns profesionais leváronme hai poucos días a Sevilla. Na Deputación provincial está aberta ao público unha exposición que conmemora o cincocentenario da Casa de Contratación, monopolio do comercio con América que se crea por disposición real en 1503 e que produciu, coma ben reza o título da mostra, «un mar de negocios». Entre o século XVI e o XVIII, con algún periodo excepcional, Sevilla foi porto obrigado da entrada do ouro e a prata de Indias, principal fonte de ingresos da Coroa de España e aguillón das grandes iniciativas empresariais da época. Ao día seguinte fun visitar o Museo de Belas Artes. Alí están as grandes mostras da pintura e a escultura barroca sevillana, escola que conmoveu o mundo na súa época (e segue impresionando pola súa grandiosidade): Pacheco, Zurbarán, Murillo, Valdés Leal¿ Pero ata o século XVII, ata os primeiros anos da centuria do 600 realmente, os pintores sevillanos a penas existen. Atraídos polo comercio e o mercado dos excedentes de Indias, arriban ao Guadalquivir flamengos, alemáns, italianos, algún francés, mestres das máis variadas industrias (navegantes, cartógrafos, banqueiros) que nalgúns casos españolizan os seus nomes e conforman o gran alicerce ou fundamento sobre o que se ha de desenvolver a creatividade posterior. A Sevilla rica, desenvolvida, segura e orgullosa do seu, convértese no gran mercado de referencia e alimenta a súa identidade da man dos seus artistas, igual que a Roma dos Papas, o Frandes e a Venecia dos mercadores, as cidades alemanas da imprenta, pois dese xeito está presente no mundo, ten voz, existe. A visita anima esta reflexión. ¿Cómo lograr, na Galicia dos novos tempos, aínda aceptando que os modelos han ser necesariamente distintos, unha base económica e material mínima para facer posible este desenvolvemento, sen o cal toda creatividade será sempre subsidiaria, dependente? Non teño a resposta. Unicamente a reflexión. Santiago (o mito do Apóstolo, as peregrinacións) foi tamén para nós, durante séculos, non só un referente espiritual, senón unha fonte de poder e de ingresos. Os excedentes da Igrexa compostelana (e galega) están aí: no Románico e no Barroco sobre todo. Xa non sucedeu o mesmo coa nosa burguesía, escasa e bastante precaria, motor do desenvolvemento das sociedades modernas a partir do século XIX. ¿Sobre que bases materiais e, sobre todo, sobre qué alianzas estratéxicas deseñar o futuro? Velaquí un debate necesario que non sempre abordamos con xeito: economía e cultura, desenvolvemento material e desenvolvemento cultural, productos para o mercado interior (que necesita ter excedentes para financialos e sostelos) e para o mercado exterior, con capacidade para competir e abrir camiños novos (o audiovisual, por exemplo). Cada tempo histórico ten as súas dificultades e os seus condicionantes. Tamén as súas oportunidades, que deberiamos saber identificar.