1064. Por este ano morre o rei Fernando I, que reunira os reinos de Castela, León e Galiza, deixándolle o de Castela a Sancho II, o de León a Alfonso VI e o de Galiza a García, que os historiadores de León chámanlle García II porque no reino de León tiveron un García I asimilando a Galiza como un condado. Galiza neste intre chegaba a Coimbra no Mondego, e por ese tempo o latín vulgar empezou a evolucionar na formación do romance galego. Non só pola lingua, tamén polo total carácter da cultura tratábase de unha nación con todas as da lei. Mais ao pouco tempo de herdar os reinos Sancho II peregrinou a Compostela cun reximento e en troques de ir rezar fixo prisioneiro ao rei García e o levou consigo (o que algúns historiadores españoleiros, que aínda restan algúns, o xustifican como un acto patriótico porque elo dou lugar a eso, un tanto artificial, do que se quere chamar a unidade da España). Non tardou Sancho II en caer asasinado en Zamora, culpándose ao seu irmao Alfonso VI de ser o inductor do crime. Así os tres reinos pasaron a ser un só baixo a éxida de Alfonso VI. García aproveitou esto para se refuxiar en Sevilla, pero voltou a caer nun ichó baixo a promesa das súas irmáns de que Alfonso o agardaba para arranxar as cousas; mais o que fixo Alfonso foi metelo no castelo de Luna, grilloado até a súa morte no 1109, ferros que non quixo que llos sacaran, pois se tivo que vivir amarrado por eles, con eles quería que o enterrasen. García non chegou a reinar nin dez anos na Galiza antes de que o secuestrara o seu irmao Sancho II, polo que viviu encadeado e grilloado uns 30 anos. A Galiza ficou dividida en dous condados: a Galiza do norte -ou lucense- e a do sur -ou bracarense- dominada polo Portus Cale, o portucalense do que veu a chamarse Portugal. A filla lexítima de Alfonso VI, Urraca, casou con Raimundo de Borgoña. Foron os condes da Galiza. Teresa, a filla ilexítima de Alfonso VI, casou con Enrique de Lorena e foron os condes de Portugal. Os condes da Galiza teñen un fillo que á morte da súa nai Urraca pasará a ser Alfonso VII. Os condes de Portugal teñen outro fillo, Alfonso Henriques, curmán, por tanto, de Alfonso VII. No 1140 Alfonso Henriques, conde entón de Portugal, proclámase rei de Portugal. Posiblemente vendo as ambicións do seu curmán, que chegou a proclamarse emperador, temendo a asimilación por Castela do que ficaba do antigo reino de Galiza fíxolle un corte de mangas ao seu familiar e salvou o sur da Galiza. Ao pesar desta división política que se fixo da Galiza coa decisión do coraxudo príncipe, a cultura galega seguiu desenvolvéndose nas dúas Galizas até o século XIV, no que Portugal, consolidado como reino, desenvolvía a súa lingua na aventura do imperio atlántico, mentras a Galiza do norte, cun pobo desherdado e sometido, conservou até os nosos días por tradición oral nas crases mesteirais un galego deturpado, máis ben un castrapo. A Galiza se lle seguiu chamando reino -aínda que ás veces representado por Zamora- até que no 1833 o afrancesamento do país deixounos en simples provincias. A unidade e a paz das Hespañas non pode vir máis que do respecto das culturas e dos dereitos de cada pobo que compoñen o Estado.