VIAXAR ós Estados Unidos estase convertendo nunha aventura perigosa, e non polo risco de sofrir un atentado terrorista senón polo de ser víctima da manía persecutoria que padece aquel país. Se o paso polas súas aduanas e controles de inmigración foi sempre unha tortura, que incluía colas interminables que con frecuencia che facían perder os enlaces con voos internos, agora o perigo está en que podes acabar nun cárcere se o funcionario de turno te considera sospeitoso. Cando Brasil decidiu aplicar ós turistas americanos as mesmas medidas de control que sofren os cidadáns brasileiros que viaxan ós Estados Unidos, os americanos protestaron indignados ante a súa embaixada, sen decatarse de que se trataba dun caso de reciprocidade diplomática. Agora leo na prensa que un estudiante francés de 27 anos que, segundo a opinión dunha azafata, estivo demasiado tempo pechado no lavabo, foi conminado a volver ó seu asento. O rapaz díxolle o que calquera diría en tal situación: «Non se preocupe que non puxen ningunha bomba». Pero ó facer escala en Nova York cometeu a imprudencia de bromear sobre o asunto diciendo que fora mágoa que a bomba non estalara. Inmediatamente foi detido e acusado dun delicto de falsa alarma. Nestes momentos atópase agardando o xuízo nun cárcere do Bronx, que é como dicir no inferno. Un caso aínda máis demencial é o dunha rapaza inglesa que lle dixo ó policía que revisaba a equipaxe: «Coidado, que teño tres bombas aí dentro». A broma custoulle a detención e atópase en liberdade condicional, tras pago de cinco mil dólares. Pídese para ela unha pena de quince anos de cárcere. O peor desta demencia é que resulta contaxiosa: ninguén protesta, ó parecer, nin dentro nin fóra do país. A maioría da xente a quen lle comentei estes feitos considera que a culpa foi dos turistas que se permitiron bromear. ¿Que nos está pasando? ¿Estamos volvendo ós tempos nos que un chiste podía levarte á cadea? Malo é que os Estados Unidos entoleen, pero que nos pareza ben é aínda peor.