Pouco sentido do humor

| X. L. FRANCO GRANDE |

OPINIÓN

A PRENSA destes días referiu as odiseas que veñen padecendo dous estudiantes, un inglés e outro alemán, por teren suxerido, en rexistros aduaneiros nos EE.?UU., que levaban bombas nas súas equipaxes. O probo funcionario pensou no 21-S, e con el os xuíces, e a un deles poden chegar a impoñerlle unha condena de quince anos de prisión. O funcionario foi de sempre o máis alleo que existe ó sentido do humor. E con el o gobernante dogmático, como son sempre os dictadores ou os que quixeran chegar a selo. Aquel sentido do humor que tiñan Mac Millan ou Kennedy, nin de lonxe o veredes en Bush nin en Aznar. E se a ese pouco sentido do humor lle engadimos o medo que dende arriba se lle mete no corpo a toda a sociedade -recurso moi vello e non exclusivo dese país nin deste momento-, un pensa na debilidade esencial do ser humano e no fácil que é convertelo nun moneco, ben sexa co medo do 21-S ou ben sexa co da «intangible unidad de la patria». Dúas perversidades sen ningún sentido do humor.