Paco de Aguiño

| XOSÉ CHAO REGO |

OPINIÓN

16 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

HOXE enterramos a Francisco Lorenzo Mariño, máis de corenta anos de párroco en Aguiño. Quen visite o templo hase decatar axiña de que hai unha sensibilidade mariñeira significada pola figura de barco e o decorado con referencia á vida do mar. Con el e algúns fregueses fun pescar. Lembro con tristura que nunha ocasión a lancha foime traizoeira: pasei toda a noite nela, mentres Paco trataba de atoparme en terra: morrera a señora Regina, a súa nai e eu queríaa moito, que tamén ela me apreciaba. Hai uns meses no Instituto de Rianxo, unha rapaza preguntoume: «Non che parece que tódolos cregos debían ser coma o cura de Aguiño». Amén, amiguiña, abofé. Anos antes un rapaz portugués, nada máis principia-la misa dominical díxolle ó seu proxenitor: «Pai, pero isto é unha festa». A súa paixón relixiosa era notoria e as homilías saían directas da súa boca. Disque foi, parece, o primeiro párroco que celebrou a eucaristía en galego. A xente queríao e seguíao. Era moi humano. Fun beneficiado da súa amizade e da boa acollida dos aguiñenses. Gracias, Paco.