Moncho e Abel en Sada

LOURENZO F. PRIETO

OPINIÓN

12 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

SON OS NOMES de dous dos protagonistas do asunto Sada ; logo está José Luís, que é a primeira estrela. ¡Santamaría! Esta de Sada éche unha historia nominal. Os nomes e os apelidos falan. Moncho es mucho e ademais de alcalde franquista éche senador do PP. José Luís é socialista de toda a vida e seguirao sendo, di. E Abel, pois évos Abel. O nome dío todo. Por certo, é un amigo de anos. Aínda que tampouco estou seguro se será millor para el que diga tal cousa. No reparto non hai ningún Caín porque é un nome pouco frecuente por acó, así que podedes xogar a buscar un para facer a broma fácil. A José Luís non o escollades, que xa declarou que non quería ser o malo da película . Os argumentos deste concelleiro para cambiar ao alcalde son públicos, e iso hai que agradecerllo, pero non sei se mui socialistas. Resúmense en catro. Só Moises chegou a dez e no lío de Sada non hai ningún, polo de agora. O J.L. acusa a un rival, co que competiu pola candidatura socialista, de cobrar como concelleiro de goberno o mesmo que el pactou con Moncho, do que se deduce que o que é mucho cobrar para o rival que goberna co BNG, non é mucho cobrar para quen apoie a Moncho. ¡Como é a xente! Aínda han dicir que hai cartos polo medio. A segunda disculpa enténdese ben: metéronselle na leira de goberno, corréronlle o marco. Parece mentira que Abel desconfiara del se non era home de mover marco ningún, nin de veciños nin de estraños. Xa se ve. A terceira premisa, esta estrictamente política, é que o PP gañou as eleccións en Sada. Dando por bon o argumento máis querido duns populares faltos de aliados francos. Pero a razón máis interesante que nos ofrece é a de que Moncho si que ten man nas consellerías, «non como agora, que nin nos miran». ¡Aí falaches! Quere o millor para a súa vila. Claro que, pensando así, a conclusión pode ser tan clara como perigosa: socialistas para qué, se xa temos ao PP; remedando a inxusta consigna ácrata da Transición. Moncho, pola súa parte, fidel seguidor do pensamento Manuel Fraga, deixa claro que isto é peor que os tripartitos de Laxe ou Maragall: é un cuatripartito, un guirigay. Teñen a Sada paralisada. Para qué tanto lío podendo gobernar el. ¡Co que lle gusta! Xa lle pode gustar, porque disque van botalo do PP, do Senado, pero di que lle quedan as consellerías. E Fraga xa lle rifou publicamente. Claro que pouco despois dixo aquilo que tanto lle gusta de que os tránsfugas só os teñen os demais. Mala memoria. ¡Que lle pregunte a Dimas! A democracia pode estar tranquila. O PP vai abrir un expediente e estudiar o asunto, como en Carral, Porqueira ou Sarria. Levan estudiado tanto estes asuntos que se converteron nos máis listos da clase. E non lles vai mal. Trampeando, trampeando, van recuperando o terreo perdido. Son como Penélope ao revés: tecen na noite dos tránsfugas o que os pretendentes lles desteceron á luz do día electoral. Cóidate Abel das queixadas dos asnos e das Talladas dos Romeiros.