A SEGUNDA CADEA de TVE empezou a emitir un documental da BBC, cun claro sentido ecoloxista, sobre a vida na prehistoria. A min sempre me marabilla como o ser humano, que en principio parece tan indefenso fronte á natureza, non só acaba sobrevivindo senón dominando e ata destruíndo o seu entorno. Parece imposible que a cría humana sobrevivise en condicións de tal dureza e dificultade. Sen garras, sen cornos, sen a penas dentes para defenderse, cunha pel que calquera cousa fere, sen forza física, sen velocidade para desprazarse, sen a axilidade dos monos para trepar, sen ás para voar, ¿como puido sortear tantos perigos e condicións climatolóxicas tan extremas como as dunha glaciación ? A resposta é: con intelixencia. A intelixencia permitiu ós humanos crear o instrumento, é dicir, aquelo co que podían conseguir o que polas súas propias forzas non podían obter. Mediante instrumentos conseguiu suplir todas as súas carencias e ó cabo superar a todos os animais. E tamén destruír. Na era glacial provocou a desaparición de varias especies animais: mamuts, diversos tipos de tigres e osos, e, no continente americano, cabalos. Cando a intelixencia lle fixo ver que esa destrucción poñía en perigo a súa propia existencia, cambiou o modo de vida e durante milenios respectou o entorno. Foi xa en tempos modernos, na chamada conquista do Oeste, cando se produciu outra indiscriminada matanza de animais, neste caso de bisontes, que os levou ó borde da extinción xunto coas tribos indias que vivían da súa caza. A intelixencia revélase como unha arma de dobre filo. Marabillosa cualidade que permite superar todas as deficiencias e superar todas as dificultades, pero que tamén pode levar á desaparición da vida na terra. O ser humano é o animal máis destructivo da historia do planeta Terra, pero confiemos en que esa intelixencia que permitíu ó homo sapiens superar tantos perigos nos leve unha vez máis a encontrar unha relación armoniosa coa natureza.