Ano de Reis


O XACOBEO, aí o ven! Se se poñen a tiro teremos aquí aos músicos -pop-rock- do novo Pórtico da Gloria, encargados para a ocasión pola Xunta. Non van vir porque sexamos capaces de atraelos a Galicia nin capaces de crealos coas mans dun novo Mateo. Imos mercar a súa presencia. Como se non? É boa cousa, madialeva, gostamos de Massive Attack e do fosco norirlandés Van Morrison.Pero aínda que aspiremos a ser sede do autodenominado circo internacional do Rock & Roll, seica ten que quedar claro que isto non é unha feira. E logo que teñen de malo as feiras? Hainas de gado, de tecnoloxía, de música, de turismo, e mais as do país que son de todo misturado, con pulpo e carne ao caldeiro. Algo teremos que aportar, polo menos o pulpo. As pulpeiras agradeceríano, tamén os comercializadores e a industria pesqueira. O pulpo poñémolo nós! Reclaman uns. Non, nada de feira. Desta comprámolo todo. Din outros. Será por cartos! Hai cartos a esgalla para mercar canta lambetada conveña nun ano electoral que empezará coas xerais e rematará seguramente cunhas galegas anticipadas para aproveitar tanta regalía. Que a xente vexa que desta se tira a casa pola ventá. Vaia festas! Menudos foguetes! Traerán incluso a Eros Ramalamadindon. Unha boa ocasión de que falen de nós, de que se vexa que somos quen de traer aos millores, aos máis caros. A iso chámaselle proxección internacional de Galicia. Tamén podía vir a flota xaponesa pescar nas rías ou a Armani a exhibir enVerín. Non sei se podemos conformarnos con repetir o conto. Non abonda con iso de querer poñer a Galicia no mapa porque leva muitos séculos, empeñárase xa Estrabón; nin con que falen de nós para que repitan aquilo de "que rico el marisco/ delicious sell-fish". Nese labor cartográfico fixeron máis a Ortigueira do Mundo Celta, o Vigo da World Fishing e, claro, os emigrantes e os exiliados que sempre miraron por nós e nunca pagaron a pasaxe con subvencións. Aspiramos a algo máis. Vai sendo hora de que os nosos gobernantes logren que falen de nós no mundo polo que valemos e non só polo que mercamos na feira internacional das atraccións. Sen por iso renunciar ao pracer de Lenny Kravitz. Lástima do Boss desta volta! Pero unha cousa é facer unha catedral e outra mercala. Agora mercámolas como os novos ricos, para iso chuchamos de Europa 2.200 euros por persoa nos últimos anos. Barcelona invéntase un tinglado por década, dende a primeira Exposición Internacional que organizou a esta nova operación de marketing, chamada Foro Barcelona, de contidos dubidosos pero capaz de atraer atención e recursos. Bilbao monta un Museo e entra no Olimpo cultural. Nosoutros, ben deitamos do que na Idade Media interpretou as estrelas nun prado buscando un novo foco de poder cristián, dos constructores da Catedral, da renda do millo que deu para facer o Obradoiro, dos que nos uniron con Europa polo camiño francés, polo inglés e polo portugués. Se fora polos de hoxe só nos uniríamos coa Meseta, aínda que a todo casco e por Alta-Velocidade-Alta.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

Ano de Reis