SEMINARIO de cooperação digital . Luz tenue, ordenador, proxector e pantalla. Persoal atento ao que acontece en materia de comercio electrónico nas dúas bandas do Miño recruzado por pontes físicas e telemáticas. Cada comunicante exprésase na lingua que lle é máis doada. E, ao final, o comentario recorrente dun dos anfitrións miñotos: «Quando vocês falam galego correctamente, soa mesmo portugués». Despois, tratando de como entregar os textos para a súa publicación, segundo comentario: «É pena o da vossa grafia. Tanto xis é pesadote». Galicia segue sen atopar o seu lugar no concerto das linguas. Aumenta a relación entre a Região Norte (como manda chamar Lisboa) e a Región Noroeste (que mandaba chamar Madrid), mais as costas seguen viradas e o destino parece fatal: portugués normativo ao sur e castelán arrolador ao norte. O Miño, unha fronteira lingüística... A Academia Galega vén de publicar a nova normativa, pero esqueceu resolver o problema do xis que molesta o ollo do lector portugués. A norma que se impuxo por medo á escolarización en castelán (a cousa é do Rexurdimento) empobrece o galego e dificulta a intelección dos portugueses cando o ven escrito. ¿Por que non escribir jeito e pronunciar xeito ? ¿Por que non enfrontar globalmente a realidade da lingua? Porque dá medo: Galicia afíxose a ser colonia e xa malamente admite unha fala regional , que ameazaría con transformarse en lingua supranacional a penas cun pequeno esforzo escolar. No Impaís rendido non queda nin sequera vontade de comerciar doadamente, veciñalmente. Non se quere usar o idioma patrimonial para establecer relacións de negocio. Nin se chega a pensar nunha forma de diglosia consciente e productiva: a de converter o castelán agalegado en fala doméstica mentres o galego culto pasa a ser idioma de relación internacional. Non se pensa niso porque non hai política de futuro. En Galicia hoxe mandan cautela e resignación: a despolítica lingüística.