Carta a Iris

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

QUERIDA galeguiña nova, cidadana de Europa e do mundo: Non te coñezo. Non sei nada de ti. Só o que dicían onte os xornais, que ás 0.35 horas do novo ano a vida empezaba tamén en Cee, na fronteira antiga da terra, onde os teus pais te trouxeron a nacer, viaxando dende moi lonxe, para que non se perda o fío da memoria. Coñezo moitos casos parecidos: os nosos emigrantes queren que os seus fillos nazan na casa. Dicía Castelao, a quen algún día lerás, que os galegos temos raíces longas, que se estiran, coma as das viñas e das hedras, e que esteamos onde esteamos levamos a terra no corazón, que en realidade é a esperanza de volver, de recuperala, se non para eles, que non sempre poden, para os seus fillos e os seus netos. Nacer e morrer. A vida acaba levándonos por mil variados camiños, pero o principio e o final, sempre que podemos, querémolo abrir ou cerrar aquí, na casa dos vellos. ¿Por que é así? ¿Por que dentro duns días, ti e mailos teus pais, outra vez emprendedes o camiño de fóra e non ficades na casa? Xa cho explicarán no seu momento, ou xa o irás entendendo ti, galeguiña nova, muller dun novo tempo. É todo un símbolo que o principio da vida deste ano veña da man dunha desas parellas novas, nacidas nas extremeiras do mundo, na Costa da Morte, nas mareas do chapapote, que dende hai anos buscan noutros espacios, neste caso nas Canarias, o horizonte e os recursos que aquí non teñen. ¿Tradición? Os amigrantes en Alemaña ou Suiza, nos anos 60 e 70, mandaban os fillos cos avós, para que se educasen aquí, entre os seus, mentres eles laboraban naqueles pagos estranxeiros. Hai unha novela fermosísima, Adiós María , de Xohana Torres, onde se conta esa historia, que, como podes ver, non é cousa do pasado, como ás veces nos queren dar a entender algúns, senón que segue viva. Desgraciadamente viva. A nosa xente (a nosa xente máis nova) segue a emigrar, como hai cen anos, como hai douscentos anos... ¿Como será o mundo cando ti cumpras os dezaoito? ¿Como será esta Galicia onde os teus pais te queren enraizar? ¿Que oportunidades haberá para ti? ¿Que mundo te deixaremos nós, para que o habites e o mellores? Gustaríame poder velo, imaxinalo, ofrecercho distinto, mellorado: unha Galicia nova, moderna, máis culta, máis informada e libre (libre de cangas, de prexuízos, de inseguridades, de dependenzas alleas, de medos), «unha Galicia sen trasnos nin demos», tal que a cantaba Curros Enríquez en 1880. Xa ves que levamos tempo empuxando ese soño, difícil de concretar, que se resiste. Os teus pais, á súa maneira, coas súas forzas e as súas posibilidades, tamén están niso. Non quixera que esta carta, cando a leas, se algunha vez chegas lela, pareza un canto de derrota. Non o é. A vida chama pola vida. Nada está escrito que non poidamos torcer, transformar, construír coa nosa intelixencia e o noso esforzo. Enténdea mellor coma un compromiso, o de todos nós, que chegamos antes e temos a obriga de botar unha nova placa neste edificio noso, ás veces confuso de máis, contradictorio, pero que non perde a esperanza, porque a esperanza está en ti, no que significas, seiva nova, aínda que mañá teñas que partir. Tes ese dereito. Debes esixírnolo. Cos olliños pechados, aconchadiña no berce, semellas unha flor das areas, bolboreta fráxil, algún día poderosa, abalada polo ventiño do mar, que é a canción que nos leva polo mundo. Que nos leva e que nos trae...