A vida escrita polas mulleres

OPINIÓN

27 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

HAI POUCOS DÍAS que viu a luz o cuarto e último dos tomos de La vida escrita por las mujeres , editado por Círculo de Lectores. A obra, moi bonitamente editada, recolle textos dende a Idade Media ata hoxe de escritoras españolas e hispanoamericanas. Algúns tratan temas moi universais como o amor ou o exilio, pero predominan aqueles que se refiren a ámbitos considerados femininos durante séculos: a casa, a crianza dos fillos, a costura, a cociña, os problemas do matrimonio, o trauma da noite de vodas. E tamén a loita polo dereito ó traballo, ó voto e a unha vida independente. Non sempre son textos literarios ou didácticos. Hai varios exemplos de cartas privadas, que ofrecen unha interesante visión da vida e do entorno no que se movían as mulleres. Pequenas biografías permiten ó lector non especializado situar á autora do texto e calibrar as dificultades que tivo que afrontar para que esas palabras chegasen ata nós. O reparto en tomos é por si mesmo indicativo. O primeiro abarca dende a Idade Media ata a Ilustración: catro séculos e só unha presada de mulleres, case todas monxas ou pertencentes ou relacionadas coa aristocracia. O segundo tomo comprende Romanticismo e Modernismo. A partir dese momento os testemuños escritos de mulleres medran rapidamente e os dous tomos adicados ó século XX son só unha pequena mostra da visión que desa época deixaron algunhas escritoras. Ó follear esta obra calquera pode decatarse do difícil que foi esta gran revolución que abriu as portas da liberdade ás mulleres e transformou a maneira de vivir de toda a humanidade. As mulleres escritoras foron obxecto de rexeitamento social, de mofa, e de envexa. Moi poucas tiveron unha vida feliz e moitas acabaron suicidándose. Foi a única revolución que non custou sangue do contrario, pero si custou moitas bágoas, moita dor e ata moitas vidas de muller. Pero pagou a pena. Esta obra ofrece ó lector de hoxe a posibilidade de coñecer, e admirar, ás mulleres que abriron o camiño polo que hoxe descorremos.