¿QUE PASA en Cataluña? De facer caso aos medos duns e aos intereses electorais doutros: un terremoto sacude España con epicentro en Barcelona. Probemos outra mirada, diferente da dos profetas de catástrofes, que lles chama Peces-Barba. Se ollamos coa perspectiva dos 25 anos de democracia, dos 70 dende que Maciá proclamou o Estat Catalá na República Federal española, dos 95 transcorridos dende que o catalanismo político varreu aos partidos da Restauración, ou dos últimos 150 anos de réxime liberal en España, non hai muitas novidades. Se ollamos coa mirada dos que acabaron hai 130 anos co federalismo de Pi Margall, dos militares que hai casi cen anos asaltaban os xornais catalanistas porque non lles gustaba o que opinaban, dos que mataron legalmente a Ferrer i Guardia por librepensador, como culminación da Semana Tráxica (1909), dos que hai 80 anos suspenderon a Mancomunitat catalana, dos que hai case 70 declararon anticonstitucional aquela Lei catalana de Cultivos que favorecía aos rabassaires , dos que anularon o Estatut catalán e fusilaron a Companys, estaremos preocupados con razón. O que pasa en Cataluña é o que leva pasando dende hai máis de cen anos. Os catalanistas teñen grande forza e a esquerda tamén. O catalanismo burgués só ten como alternativa a unha esquerda plural tamén catalanista e non menos burguesa. Os economistas falan da dependencia da traxectoria para explicar a forza do pasado na actualidade económica. Pois iso. Se pasamos ao presente, ¿que vemos en Cataluña? Unha alternativa que remata con vintetrés anos de goberno ininterumpido de CiU. Por unha banda, un partido que xa non sabe o que era a oposición, unha morea de altos cargos que buscan un emprego para o que poucos están preparados, porque muitos pasaron directamente da Facultade ao coche oficial. Aos perdedores sentaralles democraticamente ben. Renovaraos. Polo outro un novo poder mui plural, froito dun acordo deses que unha sociedade de negociantes realistas sabe facer. Un novo goberno que non ten que botarlle imaxinación para seguir no poleiro, senón poñer branco sobre negro as medidas, ata 500, que leva anos elaborando pero non puido aplicar. Uns conselleiros de longa traxectoria profesional e política, como Carles Solá, Pere Esteve ou Quin Nadal, con anos por diante para facer cambios. Unha sociedade viva. ¿Que vemos fóra de Cataluña? Dous medos puramente ideolóxicos, fomentados pola cercanía das eleccións xerais pero cargados de perigo: a secesión e a insolidariedade. ¿Quen pode en España explicarlle aos cataláns como teñen que vivir, a quen poden escoller e que política teñen que facer? ¿Como se pode pretender tutelar dende Madrid, Toledo ou Mérida a unha das sociedades máis modernas de Europa? ¿Quen ten autoridade para aprenderlles economía? ¿Quen pode ensinarlle á esquerda catalana solidariedade? Agardemos e veremos.