Do veo ao velorio

MARÍA XOSÉ QUEIZÁN

OPINIÓN

NA FRANCIA racionalista e laica tentan impedir que se faga proselitismo integrista islámico e que a sociedade retroceda. O veo das musulmanas non é un simple adobío ou unha moda que cambia coa temporada; leva consigo a submisión ao pai, a obediencia á tradición familiar e relixiosa, a aceptación da propia ignominia, a conciencia do escándalo que produce o seu corpo, do pecado que representa ser muller. Porén, non se debe mostrar, aparecer, revelarse. E isto é, xustamente, a característica fundamental da liberdade humana. Os aditamentos das islámicas levan consigo o boicot ás clases de bioloxía, de deporte, de educación sexual... As reclamacións de seren atendidas por persoal feminino nos hospitais ou de que nas piscinas municipais impoñan horarios diferentes canto a sexos. Expresan unha ideoloxía perniciosa. Se pretende transcender do persoal e afectar os proxectos de ensino e sanidade públicas ou retrasar os avances, que tanto esforzo costa conseguir; daquela, os gobernos deben tomar medidas para impedilo. Unicef denuncia a deficiencia escolar das nenas inmigrantes. En España, a maioría abandona o ensino ao acabar a primaria. Isto prepáralles o camiño da dependencia e da explotación sexual. Máis que un símbolo relixioso, é un signo de atraso. Lembramos a imaxe das galegas cubertas. As traballadoras usaban saias longas e pano negro para saíren de casa. E non tiñan máis dereitos que traballar. Non recibían instrucción nin tiñan propiedades. O dominio relixioso, o nacional catolicismo, era absoluto. O seu espacio tiña límites precisos e a súa visibilidade horarios determinados. Na actualidade tiramos o veo só aparentemente. O imam de Fuengirola foi condenado por difundir a misoxinia e explicar como bater nas esposas sen deixar marca. As denuncias por violencia doméstica das mulleres sen veo superan as 35.000, e só denuncia unha minoría. Ultimamente comporta a morte da denunciante. Con 95 asasinadas no que vai de ano, aquí pasamos do veo ao velorio.