XOSÉ CARLOS CANEIRO
17 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.QUERO que as estrelas pasen de noite, como peregrinas, por baixo dos meus ollos. Quero que a barba de Sadam sexa postiza e que os grandes asuntos de estado morran, de urxencia, nos muladares do mencer. Quero perderme entre as túas uñas comidas. Quero un bico en vez de malas noticias, unha caricia en lugar do rostro funerario de Aznar, o cigarro de Carrillo pola voz da Caballé, Chiquito de la Calzada antes que Operación Triunfo. Quero a Parada e a Marujita Díaz nun Sex Shop. Quero que a felicidade non sexa un tempo verbal: pasado. Quero non poñerme triste cando ti non regreses. Quero vivir, pese a todo. Quero que os poetas volvan recitar poemas entre vasos, e que resistan, e que nos partan a cara, e que sigamos ganando (a vida) aínda que non deixemos de perder. Quero non chegar tarde nunca máis. Quero que Urdaci presente Aquí hay tomate . Quero seguir sendo un tonto escéptico de esquerdas, aínda que Vigo se empeñe, se empañe. Quero que me abraces cando non poidas abrazarme. E quero finalmente, estimado Rei, que deixes no meu balcón o Scalextric que che pido cada ano. Sen el non podo vivir... aínda que viva. O Scalextric que pinte con mil flores as noites, o mencer, os días. Gracias, Baltasar.