10 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

ADIVIÑARON: vou falar outra vez do pavo. Xa sei que lles prometera que o asunto quedara pechado e que non ía seguir, por dicilo así, roendo nel; pero non teño máis remedio que volver a poñer sobre a mesa este tema que, por moito que pareza que xa debía estar algo frío, estase a revelar inesgotable. Ben, agora resulta que o pavo que levaba o presidente Bush na man cando foi visitar ás tropas destacadas en Iraq era de plástico. En fin... A min, mirando as fotos, parecérame que era Stars, o famoso pavo presidencial deste ano que Bush indultara o día anterior como parte das celebracións do Día de Acción de Gracias, e así llo contei a vostedes (eso si, coas debidas cautelas, porque tampouco estaba seguro). Pero polo visto non era. Vostedes saberán perdoar, na súa benevolencia. Despois de todo, distinguir un pavo doutro non é doado, sobre todo cando están asados, como neste caso. A cociña iguala ós animais igual que dicían os escritores barrocos que a morte iguala ós homes. A boa noticia (e alégrome sobre todo polos nenos que len esta columna) é que Stars vive, e quizais nos estea lendo nestes mesmos momentos. Dalgunha maneira é un pequeno milagre (como o da perdiz de Santa Hildegarda, da que xa lles falei un día, ou coma o ave fénix, que posiblemente tampouco era comestible). Que queren que lles diga. Eu xa vía algo raro pero, se me houbesen preguntado, houbese xurado que era Bush quen me parecía de plástico, e non o pavo. Xa que estamos, é Bush a quen vexo máis como pavo presidencial e non o propio pavo, que ten unha ollada máis humana. Bush, na súa rixidez, ten pinta de ninot indultat , que é como lles chaman os falleros valencianos ós monicreques de cartón que libran do lume nun ritual similar ó do pavo presidencial . É Bush quen se pavonea, máis que pavo. Pero o Washington Post asegura que o que era de adorno era o pavo, e non o presidente, que o que era de pega era o bicho o non o mandatario, e eu cedo perante este xornalismo de investigación. Despois de todo, e se ben se mira, era o que cabía esperar. Porque todo este asunto de Iraq está sendo un pouco como o do pavo de Bush. Sadam Huseín, as armas de destrucción masiva, os terroristas de Al-Qaida... Todo está resultando como de plástico. Todo parece ó final como pavo de Bush: incomible. E o peor de todo, e isto estámolo sabendo xa, é que a pesar todo hai que tragalo.