O ÚLTIMO martes 2 do corrente mes o historiador José Antonio Durán presentou no Consello da Cultura Galega un audio-visual sobre a vida e a obra do científico, e tantas cousas máis, Bibiano Fernández Osorio-Tafall. Hai que agradecer a Durán o labor que ben facendo dende hai moitos anos investigando a vida e a obra de persoeiros galegos contemporáneos, sobre os que se xestaron as nosas esperanzas e tamén as nosas frustracións. Durán fai esto cun rigor exemplar pra deixar constancia na historia destas personalidades excepcionais, aínda que as circunstancias negativas polas que temos pasado nos privaron do beneficio que poido ter Galiza se se tivese recoñecido a tempo a un home como Osorio-Tafall. Con José Antonio Durán falaron no acto o presidente do Consello, Zulueta; o da Academia de Ciencias, Vieitez; o decano de Ciencias da Comunicación, Xosé López, e o historiador Ramón Villares. O estudo que supón o audio-visual de Durán vén a completar, entre outros, o de Baldomero Cores (Librigal 1976) e o de Santiago Álvarez (1992 nº 89 da serie Documentos de Ediciós do Castro) que lle prologuei eu testemuñando a relación que tiven con Tafall, no que se aportan documentos da invitación que lle fixo Adolfo Suárez pra que viñese a se facer cargo da pre-autonomía galega, como Tarradellas fixo da catalana e Leizaola pra o País Vasco, aínda que éste non se fiou do convite. Tamén se testemuña o apoio que lle prestabamos pedíndolle que aceptase, Paz-Andrade, Domingo Quiroga, Varela Rendueles e máis eu. Xa en Madrid, Osorio-Tafall comprobou os poucos amigos que tiña en Galiza e os moitos nemigos que o acusaban de ser un home leal á República, nemigos famentos de protagonismo pra ocupar os postos que ía crear a Autonomía, que só desprecio van acadar na historia. Cumpriuse o ano pasado o centenario do nascemento de Tafall. Doctor en Ciencias Naturais, con 28 anos era alcalde de Pontevedra, presidente da Deputación, secretario da Misión Biolóxica con Gallástegui. Deputado nacional en dúas lexislaturas, no ano 1932 presidiu a Asemblea de Municipios celebrada en Santiago pra discutir e redactar o proxecto de Estatuto de Autonomía, paralizado coa chegada do bienio negro , que se plebiscitou no ano 36. Dende aquela asemblea, Tafall presidiu o Comité Central de Autonomía. Tafall tenme dito que a quen lle correspondía presidir a asemblea e o comité era a Quintanilla, pero entón xa cocían fabas e o fixeron pasar por enfermo. Mortos todos os membros do Consello de Galiza, era a Tafall a quen correspondía a representación en fideicomiso do povo galego. Información que lle facilitou Piniés a Adolfo Suárez. Comisario Xeral do Exército da República, ten demostrado a súa valentía e lealtade, e a súa capacidade como organizador. Xa no exilio, foi profesor na Universidade Autónoma de México e do Instituto Politécnico. No 1948 incorporouse á ONU; no 55, director da Oficina de Agricultura en Chile, e logo en Indonesia e no Exipto. No 64 está ao frente das operacións de pacificación no Congo e en Chipre. Xubílase como subsecretario xeral da ONU. Con motivo do pulo que está recibindo a recuperación da memoria, un señor dixo dunha conmemoración de hai 50 anos, que se trataba dun revival que cheiraba a neftalina. ¿A que lle cheirarán a este señor aquelas historias de hai 500 anos que nos cantaban: «De Isabel y Fernando el espíritu impera (...) la nación poderosa que jamás se dejó vencer»?