Feito un mangallón

| SANDRA FAGINAS |

OPINIÓN

falar.ben@lavoz.es A ÚLTIMA conversa no ascensor colleunos a tres veciños, dous adultos e un rapaz, enfrascados co temporal -a xistra que caeu estes días en Galicia-, tema sempre recorrente para evitar os silencios incómodos. Estabamos enfrascados, como digo, no temporal, cando ó pararmos no segundo, outra veciña que se dispoñía a entrar connosco mirou ó rapaz, reparou nel, e cun berro imposible de reproducir aquí (os gritos galegos dan para unha tese), exclamou: «¡Ai, Ai, dios mío, pero se estás feito un mangallón!». Por suposto, o rapaz baixou a cabeza e escapou en canto puido do interrogatorio ó que foi sometido. O adxectivo galego mangallón é moi utilizado na nosa comunidade lingüística -tamén polos castelanfalantes- para referírmonos á 'persoa desproporcionada de tamaño, especialmente do rapaz grande de máis para a súa idade': «¡Mira qué mangallona está!». O tamaño dos mangallóns está directamente relacionado coa altura, porque nunca a unha persoa baixa, de aspecto forte ou que creceu ó ancho cualificarémola con este adxectivo. Neses casos recorremos a outra forma: cacharulo. Esta palabra, que moitos falantes substitúen polas variantes cachirulo e cacherulo, aplícase sobre todo ós 'nenos de baixa estatura, pero de boa constitución, robustos e de carácter vivo, que ás veces presentan unha cor de cara colorada': «¡O teu fillo está feito un cacharulo!». Este adxectivo tamén se atribúe ós rapaces mexeriqueiros, isto é, aqueles que se queixan por todo, os laións, os choricas... Hai quen lle dá moita importancia ó tamaño -á altura-, pero para esas cuestións as mulleres sempre temos resposta: «Non quero home grande/ que o quero pequeniño./ Con sete varas de tea/ fágolle un pantalonciño». «Non quero home pequeno/ a miña me ha de valer./ Que me parece na casa/ unha escoba de varrer».