A DISPUTA PSOE-BNG en Vigo está camiño dunha saída. Polo ben da cidade, dunha alternativa dos dous partidos ao PP e tamén, claro, dun goberno vazquista na Deputación da Coruña. A independencia de Pérez Mariño dificultou a solución. Independencia non é sinónimo de virtude política. Un antigo colega, libertario dos de verdade, dicíalle sempre a quen nas asambleas de estudantes se definía como independente: todos os independentes da esquerda son dependentes da dereita. Esta tradición dos independentes pode verse do punto de vista do individuo ou do partido. Muitos, convencidos de que os partidos obcecan a independencia de criterio e coartan a libertade de xuízo, só están dispostos a participar sen afiliación. A perda de autonomía do individuo dase, si, onde rexe o centralismo democráctico leninista e por iso os independentes foron consustanciais aos PCs que saían de lóxicas extremistas. Sempre foi un recurso de circunstancias, como cando Felipe buscou na honradez dos dous xuíces a capa das vergonzas do PSOE. Vai sendo hora de normalizar ¿Que teñen de malo os partidos? Os da esquerda, claro, porque na dereita non hai independentes. A afiliación é a única forma reglada en democracia para intervir nos asuntos políticos, igual que quen xoga ao golf ten que ser dun club ou quen quere amarrar un bote ten que ser dun náutico. Só os ciclistas poden permitirse a soidade. Preston ou Guiddens son labour, ¿ e logo non pensan? Está dito por que recurríu o PSOE a un independente en Vigo: unha dirección de ex-pcs e un avispeiro local. As virtudes que require ser un grande avogado e un xuíz cabal non garanten o goberno dunha cidade complexa e a conxunción dunha coalición. Non se imaxinan a González ou a Fraga dirixindo un goberno así; pero a Orozco si. Mariño solucionoulle ao PSOE o seu problema en Vigo (¿ulo Príncipe?). No goberno creoulle un novo, ao configurarse como o alcalde que a dereita viguesa buscaba dende que perdeu a Portanet, diverxendo dos votantes socialistas e contra a lóxica dun goberno cos nacionalistas. Os acordos entre socialistas e nacionalistas non són doados. Dependen de necesidades, non de radicalidades. Ollemos á Universidade: así como na de Vigo gobernan xuntas ambas sensibilidades, con carnet ou non, e na da Coruña, pola forteza do goberno conservador -centrista prefiriría chamarlle Meilán-, levan tempo en acción conxunta, na de Santiago nunca foi posible a entente: por iso houbo en 1990 un goberno nacionalista e dende 1994 outros de progresistas e conservadores en simpática mestura, nos que non participou o galeguismo político nin o nacionalismo organizado. Se houbo acordo na Deputación coruñesa, de seguro que BNG e PSOE poden acadalo en Vigo. Os votantes non entenderían o sacrificio dun proxecto político por unha lóxica persoal. É a quenda do PSOE.