O PASEO polas viñotecas do domingo pasado derivou neste martes de resaca porque, o crean ou non, acabei un pouco peneque con tanto viño. Os que non estamos afeitos a beber alcohol -en galego tamén alcol -, en seguida notámonos chispos, peneques, isto é, o que coloquialmente describimos como «cun puntiño». Ese puntiño de máis é o que dá o significado ó adxectivo peneque, que nos principais diccionarios galegos aparece definido como 'algo borracho', 'case borracho'. Xa que logo, cando alguén está un pouco peneque, ponse algo peneque ou vai un pouco peneque non leva moita cantidade de alcohol no corpo. Simplemente, está chispo, achispado, alustrado, alegre. Outra connotación ten o adxectivo galego bébedo, do latín bibitu, que cualifica a quen 'inxeriu alcohol e está baixo os efectos deste'. Os bébedos están embriagados, borrachos, ebrios, cheos, tomados... por culpa do alcohol, pero tamén alguén pode estar bébedo dalgunha outra cousa. Neste caso, bébedo ten o significado de 'entusiasmado', 'abstraído', 'apaixonado' (Está bébedo de amor; bébedo de felicidade...). Os bébedos empipan, embebédanse, emborráchanse, énchense, embriáganse ou collen borracheiras, bebedeiras, bebedelas... Existen, de feito, moitas variantes na lingua para designar ó 'trastorno das facultades mentais como consecuencia de beber gran cantidade de alcohol'. Destacan, por habituais na conversa cotiá, os substantivos chea, mona e tranca (¡Colleu unha chea!, ¡ten unha mona!, ¡viña cunha tranca!) , pero son propias tamén da nosa lingua, ademais das comentadas, as formas lorbaga e carpanta. Púxenme un pouco peneque, que non bébeda, porque tamén nestes casos os límites están na lingua.