Aznar ten razón

| TUCHO CALVO |

OPINIÓN

O TÍTULO esixe unha pequena e urxente explicación. Dende hai xa tempo, cada vez que escoito ao presidente do Goberno falar dos nacionalismos coincido con el en gran medida e só lle atopo un reparo: que non acepte nos demais a aplicación dos razoamentos que inspiran os seus clarividentes postulados a prol do nacionalismo español. Son estes tan rancios, que se os asumisen os dirixentes das diferentes nacionalidades do Estado a confrontación podería ter a gravidade de todas as que xera a intransixencia mesiánica na que parece instalado da man do seu mentor norteamericano. O mesmo se pode dicir respecto de Irak. A súa declaración institucional ao respecto trala morte dos membros do CNI pon de manifesto a mirada unidireccional. Todos temos dereito a nos defender dun ataque terrorista; pero un pobo enteiro está lexitimado a arrepoñerse a unha invasión. Non é unha novidade que da violencia só agroman dor, morte, xenreiras, vinganzas... e que o camiño máis difícil, pero o único que engrandece á persoa, é o diálogo.