NON AGARDABA un cabodano de reflexión. Non acreditaba nun cabodano autocrítico e esperanzador. O probable era atopármonos illados cadaquén na súa percepción da traxedia e do ano que pasara. Aínda así, non era quen de matinar no empoleirado desatino da celebración. Empezou o desatino cando, seica por broma, un ministro e un conselleiro volveron a se reafirmar no que fixeron, nunha análise de novo esquemática e agresora. E fixérono do mesmo xeito que hai un ano declararon con temeridade: «non hai risco dunha marea negra», «non tememos unha catástrofe ecolóxica». Sucedeu ademais que o único tema no que tiñamos acordo, a salubridade ou calidade sanitaria dos productos que chegaban ó mercado, púxose logo dun ano en cuestión. Houbo un medio de comunicación que, mal transcribindo un informe científico, afirmou con rotundidade que na cadea alimentaria había productos canceríxenos. Outros, amplificaron. Delo fixeron a súa celebración. Arrastrando con elo o cabodano de todos. De esguello, aproveitando a suposta descuberta mediática de productos canceríxenos, manifestáronse tensións cainitas no mundo da investigación, que se de certo non xogou un papel sobranceiro nos primeiros tempos da crise, por mor dunha súa estrafalaria e serodia xestión, semella que non leve camiño de se converter en instrumento científico que permita acadaren a verdade posible e relativa que toda aproximación holística -como vai de seu na ecoloxía- implica. Non sorprende -logo do visto- que algún analista poida alcumala de ciencia mercenaria . Non sei se tal. De meu poñería irreflexiva e, nalgún pronunciamento, ruín. Estes sucesos no cabodano do Prestige tolleron a capacidade de facer un recorrido analítico e autocrítico dese afogado colectivo, impedindo celebraren un cabodano acaído ó loito que provocou a catástrofe. No rebumbio, algo de templanza: a dos cidadáns que saíron á rúa, e a do director do Centro de Control do Medio Mariño. Uns para lembrar e non dar no esquecemento. O outro, acreditando a calidade sanitaria e recoñecendo a contaminación cando a houbo. Un ano despois do Prestige , a conmemoración do desastre medioambiental serve para aumentar o feísmo do noso país. Exemplo: os mamotretos de pedra donados por Aegon Seguros «para demostrar o seu amor a Galicia», situados en Muxía a carón da igrexa da Virxe da Barca. ¡Que desastre para unha paisaxe magnífica! Pasen e vexan, señoras e señores. Canta dignidade nos fai falta aínda. Ourense. Son un dos moitos familiares de enfermos de cancro que na nosa comunidade pelexan cada día non só contra as limitacións e dificultades que lle provoca a súa enfermidade senón contra o Servicio Galego de Saúde pola humillación, vexación e desinterese deste organismo, que co único fin de rebaixar os gastos permite que a xente sufra e nalgúns caso morra sen o máis mínimo recato. Un leva vivindo nas súas carnes as listas de espera da Administración; dígase seis meses para unha ecografía, cinco meses para unha operación, etcétera; e dábaselle a importancia segundo a necesidade, pero tarde ou cedo solucionabas o problema (é dicir, tiñas que ir ó médico privado). Pero o que levo padecido coa miña nai nas salas de oncoloxía do Hospital Provincial de Conxo, ronda o esperpéntico. A sala de quimioterapia atópase no terceiro piso do hospital, fago referencia a esto porque hai dúas semanas o ascensor estaba averiado, pero quince días despois o ascensor seguía có mesmo problema, e ninguén do Sergas informou de nada nin puxo a ningún enfermeiro para axudar ós enfermos. Enfermos que sofren, que algúns a penas se poden poñer de pé, os teñen dende as oito da mañá, cando lles extraen sangue, ata as sete da tarde, como nos pasou o día 11 deste mes, por suposto sen comer e sen que ninguén dea ningunha explicación. Iso si, os doctores remataron ás tres da tarde e alí non quedou ningún, polo que cando lle deu un mareo a un enfermo tivemos que socorrelo os familiares dos enfermos e os enfermeiros alí presentes. Ramón L. Costa Rivas. Noia.