DENDE a Federación Mineirometalúrxica de CC. OO. de Galicia valoramos positivamente a autorización da Comisión Europea para aplicar «medidas de defensa temporais» para a construcción naval, pois disto depende a supervivencia do sector no noso país. Nembargantes, esto non resolve o grande problema no que están inmersos os estaleiros europeos, que se produce pola competencia desleal dos países do sudeste asiático, pero tamén pola ausencia dunha política sectorial por parte da UE. Dende o noso punto de vista, é imprescindible que a Unión Europea defina unha política que clarifique, na medida do posible, o futuro da industria naval en Europa. É necesaria a toma de medidas destinadas a dotar de cohesión o conxunto do sector naval europeo evitando a competencia entre países membros da Unión Europea e abrindo procesos de cooperación empresarial como se fixo con outros sectores considerados estratéxicos. Nos últimos vinte anos, o sector naval europeo reduciu a súa producción nun 60% e o seu emprego nun 80%, todo elo a pesar de dispoñer de axudas similares ás que agora aproban. Esto amosa que o mantemento das axudas non freará a caída do sector se non se implementan as medidas necesarias para facer do naval europeo un sector competitivo a nivel mundial. Dende Galicia, lamentamos especialmente que IZAR-Fene siga sen ter acceso á construcción naval convencional a pesar da constatación dos evidentes problemas de seguridade marítima que nos afectan de forma sistemática. A defensa do medio ambiente e da seguridade marítima fan necesaria unha renovación da flota máis acelerada, polo que os vetos e prohibicións que soportan aínda algúns estaleiros carecen de sentido. Dende o noso punto de vista, non é o momento de recortar, senón de dotar ós estaleiros europeos dos recursos financeiros, tecnolóxicos e humanos necesarios para resultar competitivos nos mercados internacionais e evitar, na medida do posible, accidentes que, no mar, provocan danos ecolóxicos practicamente irreparables. Información en las páginas 2, 3 y 4