A carón ou en fronte, sempre con afecto

| XERARDO ESTÉVEZ |

OPINIÓN

NUN RECENTE congreso internacional de arquitectura, Luis Fernández-Galiano animaba aos arquitectos a entraren no mundo da política. Paréceme unha opinión plausible, á que teño que engadir, baseándome na experiencia, que no caso do arquitecto-alcalde, forzosa e inequivocamente incompatible, se deben buscar fórmulas para o seu retorno, porque o esforzo para reincorporarse á vida profesional en solitario é especialmente difícil. Ao fío das palabras de Fernández-Galiano, Isaac Díaz Pardo, que ten autoridade e idade para dicir o que pensa, menosprezaba a arquitectura e a urbanística desenvolvidas nos últimos anos en Compostela. A Díaz Pardo tíveno ao meu carón daquela na acción política, logo no entendemento xeral do país e sempre no afecto, pero no proxecto urbano estivo en fronte, ás caladas, sen expresalo directamente, se acaso a través de terceiros, aos que daba as razóns múltiples e compracentes que esperaban escoitar. Sobre a nosa respectiva visión de Compostela ambos temos escrito moito, pero o pensamento e a praxe son diverxentes. Ao igual que outros compañeiros de xeración, epígonos coma el do Castelao dos Diarios, Díaz Pardo estivo sempre en contra, intelectual e practicamente, do movemento moderno e da abstracción. Velaí a súa oposición ao CGAC e a outras arquitecturas feitas na década pasada. O seu criterio estético está patente na factura de Sargadelos e o Castro, inspirada na figuración e no neocostumbrismo, sen prexuízo dos seus excepcionais valores industriais e empresariais, na súa propia obra pictórica e na construcción dos seus edificios, nos que intervén como arquitecto e non aforra, como é lóxico, o uso do formigón, por veces revestido, iso si, de cachotería decorativa. A esa estética conservadora, cando chega o momento de rehabilitar, de restaurar na cidade histórica, contrapón o uso de materiais e técnicas ben pouco tradicionais que rompen o palimpsesto do edificio. A miña opinión é outra. A cidade histórica non é unha fábrica concluída; nos seus baleiros pódense e débense introducir usos e edificios contemporáneos, con calidade e autoridade proxectiva, igual que se foron facendo as outras arquitecturas durante mil anos. En cambio, na rehabilitación débese impoñer o rigor, o respecto e o emprego de materiais e procedementos tradicionais, tecnoloxicamente mellorados, en capas e planos arquitectónicos sutiles para conseguir a nova funcionalidade. Igual que á esquerda política se lle esixe unha ética exquisita, cousa que admito sen reservas, mentres con outras opcións se é máis tolerante, algo parecido se lle pide a Compostela, onde todo se mide con pé de rei coa pretensión de que nada cambie, como reclamaba o galeguismo histórico, sen poñer obxeccións, pola contra, ao crecemento e o cambio das outras cidades.