Os rapaces israelís

OPINIÓN

ENVIAR rapaces israelís a falar polas universidades europeas para explicar o «outro punto de vista» sobre o conflicto de Oriente Medio. Esta é a idea dunha firma publicitaria norteamericana que ven de contratar o Goberno de Sharon. Serán uns 140 rapaces (máis ou menos, unha compañía de batallón, para entendernos), operando en patrullas de tres, nunha campaña que comezou antonte pola Faculdade de Psicoloxía da Complutense. Preténdense contrarrestar así os datos do último Eurobarómetro , no que a maioría dos europeos consideran Israel a maior ameaza para a paz mundial, datos que, din os publicitarios, dálles a razón canto a que Israel necesita un cambio de imaxe. Un, na súa simplicidade, diría que a quen dan a razón é, simplemente, ós que pensan que Israel é a maior ameaza para a paz mundial. O do cambio de imaxe está ben, pero parece que mellor aínda sería un cambio de política e que, en vez de enviarnos rapaces a nós para explicarnos o inexplicable, empezasen por non enviarlles logo eses mesmos rapaces ós palestinos, esta vez vestidos de militar e con menos afán didáctico. Porque, a verdade, un non pode evitar a impresión de que estas charlas da Complutense son só as clases teóricas, seguidas logo dunhas clases prácticas que teñen aula nos Territorios Ocupados para os matriculados internos, que son os palestinos. É dicir: que, por exemplo, aquí unha rapaciña israelí guapa, vestida de civil, nos conta que patatín e patatán (ou que blabla, porque tamén existe un discurso israelí progresista) e logo, a mesma rapaciña volve para Israel e alí, xa convenientemente ataviada de camuflaxe, vai e dálles ós palestinos unha lección de verdade. En fin; que me parece ben que os rapaces israelís viaxen, xa que poden (os seus coetáneos palestinos teñen o radio de acción máis limitado) e tamén que falen e que expliquen. O falar, como di o refrán galego, non ten cancelas (a diferencia do propio Israel, que si as ten, e ben altas). O único, dicir que a un, que botou aló case cinco anos, ocórreselle que non son os israelís, quizais, quen deberían vir dar leccións á Faculdade de Psicoloxía. Máis ben serían os psicólogos quen terían que ir falar seriamente con ese país, e axiña.