O AMOR pasional produce os celos. Os celos, afirma Rojas Marcos, son unha das principais causas de morte no mundo, motivo dos crimes máis noxentos. O criterio social, desde as leis ás cancións ( O preso nº 9 é un exemplo), desculpa estes delictos, coma se a furia que os provoca, un amor louco, fose nobre. A tendencia da ira vengativa tamén é diferente nos xéneros. O masculino arremete contra a muller que lle causa a dor; o feminino, salvando excepcións, non ousa dirixir a furia contra o poder e acostuma a cebarse na propia persoa ou nos seres máis queridos. A desigualdade social, a subordinación, ademais de dor e miseria, provoca covardía. é un paradigma, actualizado neste momento co xuízo da murciana Francisca Gonzalez polo asasinato de dous dos seus fillos, de 4 e 6 anos, conscientemente. Os malos tratos e todo tipo de vexacións que soportou do marido, a súa desesperación, non abrandan o xurado nin a fiscalía que pide que caia todo o peso da lei sobre Francisca. Distinto criterio e posturas menos patriarcais encontramos nos múltiples traballos, incluídos en 2 tomos, da excelente publicación Medeas . Versiones de un mito desde Grecia hasta hoy, dirixida por Aurora López e Andrés Pociña da Universidade de Granada. Trátase dunha completa investigación sobre un dos mitos máis coñecidos e suxestivos que, desde Eurípides e logo Séneca, foi abondosamente reinterpretado ao longo da historia. Actualmente, o síndrome de Medea arraiga en Palestina, onde nais heroicas entregan a súa prole á morte pola patria, explica Mª José Ragué. Giovanna Galimbert salva a Medea ao vela suicidándose na carne dos seus fillos. A imaxe e as palabras de Francisca González, a Medea murciana, parecen confirmar a total desolación e a súa morte en vida . O minucioso traballo crítico remata cunha obra creativa, un poema de Luz Pozo Garza titulado Medea en Corinto que supón un verdeiro cume na súa valiosa obra.