... APARCADOIROS de coches. O lema do Maio parisino, «debaixo dos adoquíns: a praia», foi bonito mentres durou. Un cantautor da nova xeración, Ismael Serrano, acaba de cuestionalo para enfado de algúns. Bertollucci, un cineasta daquela xeración, reivindica con xustiza histórica e coa lucidez do artista, a valentía dos mozos e as mozas do 68 de todo o planeta para romper co pasado e construir o futuro de hoxe. Coa súa mestría explícanos que a aqueles Soñadores non lles fixo falta estar en París, como tantos se empeñaron despois en impostar, para cambiar o mundo. Cóntanos que mesmo estando en París e sen saír da casa, aquela xeración cambiou o mundo: o privado, o da muller, as relacións de parella, a familia. A película empeza pondo na picota a Malraux, un gaullista-comunista da xeración do antifascismo, e remata demostrando que a historia ten a forza posta nalgunhas conxunturas e que sempre hai unha xeración á que lle toca facer panca. Para pensar historicamente unha época hai que ver xuntas as súas grandezas e as súas contradiccións. A mitoloxización do pasado xeracional é unha constante histórica que serve para que o que fixeron uns poucos pase a ser patrimonio de todos. Pasou cos partisanos italianos e agora cos estudantes antifranquistas: seica ata Zaplana reivindica a súa condición de universitario loitador, supoño que para explicar o seu parco aproveitamento docente. O conto funciona durante unha ou dúas xeracións, aínda que algúns acontecementos son capaces de xerar unha ideoloxía tan potente que o convirten en transxeracional. Logo de que gobernos municipais de todas as cores levantaran repetidamente as nosas cidades, xa sabemos que debaixo dos adoquíns non había area de praias ignotas senón aparcadoiros. Cando se derrubou en Santiago o edificio Castromil para construir un aparcadoiro, o diagnóstico da progresía cultivada e ecoloxista foi rotundo sobre a insensatez de atraer o tránsito ao interior das cidades facilitando o aparcamento, pois lonxe de solucionarse o problema, ao longo multiplícase. Xa daquela o sabía toda Europa, pero as cidades galegas seguen a ser furadas sen tregua. En Compostela van co quinto aparcadoiro ao pé do casco histórico. Aínda para máis, PSOE-PP poñen o ramo co acordo para facer un túnel que os primeiros consideraron sempre inútil. Disque é un sinal de boa vontade para pactar. Obsceno, dime un amigo. Insensato, cando menos. O tal túnel fora unha orixinal proposta do nacionalismo de esquerdas compostelán hai 15 anos, a falta doutras solucións, cando os atascos eran antolóxicos. Ao cabo os cidadáns só somos entendidos como automobilistas. Que ninguén propoña máis obras, por favor. Nos anos sesenta, Fraga e máis González de la Mora, buscando unha nova lexitimidade para o franquismo que non estivera baseada na victoria da guerra civil, inventaron o Estado en obras . Triunfaron.