ESTE ANO non puiden ir a verte o día de Santos, mamá, polas razóns que ti coñeces e comprendes, pero que a min me deixan moi mal a gusto, porque, aínda que Maribel arranxa aquelo e lévache as flores, a min gústame estar contigo nese día no que todos reciben visitas. Dende hai vinteún anos que marchaches poucas veces faltei a esta cita, que xa sei que é convencional, pero que a min apetéceme manter. E dende entón nin un só día deixei de pensar en ti, mamá. Un amigo psiquiatra díxome que eso era unha anormalidade; que o normal despois de tanto tempo era recordar de vez en cando ós que se foron: nas festas sinaladas, como Nadal, ou no día do seu santo ou do cabodano... Eu ese día téñoo esquecido, sei que foi un mércores de cinza, pero a data exacta borróuseme da memoria, igual que se me esquecen as cousas horribles que non quero recordar. Eso tamén lle pareceu unha anormalidade ó meu amigo loqueiro. E o de falar contigo, xa non digamos. Este home sabe moito de tolos pero pouco de sentimentos e de literatura; fíxate ti se Rosalía falaba coas súas sombras. E moita máis xente. Eu intentei explicarlle que é algo normal, por exemplo, pensar: Estas natillas non teñen comparación coas que facía miña nai... E de aí, dun modo natural, pasar a: Mira, mamá, xa sei que non están ben feitas, pero non lles vou dedicar máis tempo... E quen di eso, di outra cousa: as preocupacións, as alegrías, as penas, todo o que se pode falar coa persoa que máis te quixo na túa vida. ¡Cómo non botala en falta¡ ¡Como vai ser normal lembrarse dela só nas festas! En fin, nai, que, dándolle voltas a esto, decateime de que vinteún anos son moitos meses e moitos días, e que a lembranza por día forman un bo fato, un ramo de pensamentos, que che mando a través destes amigos de La Voz de Galicia. Aquí tes o meu ramo, mamá, co mesmo agarimo de sempre , coa nostalxia de sempre e co único consolo da túa presencia constante en min, día a día, para sempre, mamá.