INEXPLICABLE. Así se resume o que ven de facer o PSOE en Vigo da man do seu alcalde. Hai que dubidar, en aras do sentido común político, que o partido propiciara a decisión, pois na propia información deste xornal no día de autos contrastaba o que decía Antón Louro co que parecía que ía facer o alcalde. Abríuselle a Touriño unha segunda fronte municipal que esgaza o seu poder. Malas noticias para o PSOE e peores para unha alternativa PSOE-BNG á Xunta. Esta decisión tolle gravemente a credibilidade do PSOE. Ao BNG recoñéceselle ter demostrado no anterior mandato, en Lugo e Santiago, a capacidade de gobernar cun alcalde socialista cunha lealdade case suicida; tamén de sufrir dende a alcaldía o esfarelamento do partido socialista en Ferrol ou aturar a súa oposición interna en Vigo, coas consecuencias coñecidas a favor do PP. Por non falar de Ourense, onde o cisco do PSOE impediu relevar ao PP. Pérez Mariño foi presentado, máis unha vez, pola dirección do PSOE como unha solución ao seu propio avispeiro partidario. Pero as virtudes e cualidades da política non sempre son as da institución xudicial. Por iso Montesquieu separou os poderes, antes de 1789, reservando á aristocracia a impartición da xustiza. A paciencia, a capacidade de persuasión e de negociación son grandes virtudes políticas e non chegar aos cen días significa, como é sabido, sucumbir en Waterloo por erros propios máis que por tino dos oponentes. A decisión do alcalde de destituir aos concelleiros do BNG pola gracia dos cales goberna, pois do contrario gobernaría Corina Porro, ten un tufo autoritario e un toque desesperado de quen descoñece esas virtudes políticas e os resortes da cidade. O resume sería: a pequenos males, grandes remedios. Indo ao conto, as razóns para rachar unilateralmente co goberno de coalición son intraducibles. A única coñecida é que o PSOE quere cambiar un xerente de urbanismo unanimente eloxiado. Compre saber que se trata dun técnico de competencia probada, bregado na defensa dos intereses veciñais contra a especulación, recoñecido incluso polo PP na oposición. Unha garantía nun intre trascendental de desenvolvemento do novo Plano urbanístico de Vigo. Un profesional elixido, ademais, de acordo cun método garantista que o PSOE impuxo ao BNG cando Castrillo era alcalde. Sucédense as preguntas sen resposta. Alén de lealdade co pasado goberno do BNG, ¿ulo a lealdade socialista con eles mesmos? ¿Cantos partidos socialistas hai? ¿Por que queren «reservar» absolutamente a área de urbanismo? ¿Que queren dicir con «reorientar» o urbanismo de Vigo? Co pasado dos seus alcaldes na cidade, o PSOE non ten muitas leccións que dar neste terreo. «Quitar a este para poñer o meu», non cadra co estilo político que se agardaba deste alcalde, nin de Touriño. Casa máis coa FSM e os inconfesables intereses partidarios. Os socialistas volven darlle a razón a Fraga: non é o mesmo enténderse na oposición que no poder. Volver ao funcionario cesante do século XIX non axuda a que os cidadáns se fíen dunha alternativa ao PP. Incomprensible.