TODOS temos escoitado esta frase algunha vez: ¡Que teima tes! Porque os galegos, ademais de manías, temos teimas. En realidade, ambos termos son sinónimos, segundo o diccionario, pero no seu uso compróbase que non sempre poden intercambiarse. As manías teñen ás veces un matiz patolóxico que as teimas descoñecen. Por teima enténdese a 'insistencia nunha idea ou costume fixos que non se poden apartar da cabeza': Agora a súa teima é estudiar fóra. De aí que non sempre poida substituírse este substantivo por manía nin tampouco por obsesión; as teimas son algo distinto. Ademais deste significado teima é o 'asunto no que se recae unha e outra vez' (¡Que teima tes con ir ó cine os venres pola noite!), pero tamén a 'antipatía contra algo ou alguén' (¡Tenlle unha teima ó seu curmán que non pode con ela!). Deste substantivo derivou o verbo teimar que equivale a 'empeñarse, fincarse, obstinarse, persistir, turrar, porfiar en algo' ou 'cavilar, matinar, remoer nalgún asunto' (¡Non teimes tanto niso!). Quen ten teima é un teimudo, un teimoso, un cabezán, un cabezón, un cachán, un cacholán, un carneirán, un cazurro, un cornán, un cornelán, un gurrón, un porfión, un testalán, un testán, un testudo, un turrón... e un farruco. Pois farruco non é só 'aquel que se mantén forte e con boa saúde', 'aquel que se mostra satisfeito de si mesmo e actúa con moita fachenda' ou 'aquel que mantén unha postura desafiante e insolente'. Un farruco ou farruca é tamén a 'persoa que persiste enerxicamente nunha idea ou nunha acción' (Púxose farruco e non houbo forma de que me acompañase á festa). Farrucos ou non, todos temos as nosas teimas. falar.ben@lavoz.es