A razón da sinrazón

| ISAAC DÍAZ PARDO |

OPINIÓN

12 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

ANDAN POR AÍ uns sabios lucubrando ou argallando unhas teorías sobre a forma do universo, ao que consideran finito dentro dunha forma semellante a unha esfera. Non son novas as especulacións deste tipo nas que pretenden ver formas segundo o que podemos alcanzar con aparellos de gran precisión e por cálculos da xeometría que coñecemos. Mais se o universo ten unha forma finita, o que fica fóra de espacio finito sería algo infinito, imposible de lle poñer límites no noso coñecemento racional, e para definilo teriamos que ir a imaxes poético-filosóficas que nos trasladaran a un tempo, sen fin nen mudanza, fillo do eterno, na visión de Dante, o que sería o mesmo que dicir que o noso coñecemento racional non ten ren que facer por aí, a non ser que caendo en relacións como a que xustifica o tempo na velocidade nos leve a algo así como un saber que só se xustifica por se mesmo, como o amor e o odio, e como no ourobouro andar a nos morder a cola. Se o meu mestre leera este parágrafo, diríame que era pura «filosofía de almanaque» e que era mellor que lle mirase os ollos e as pernas a unha rapaza e non preguntara máis. Baixándonos ao saber realista do meu mestre, todo isto ven a que en efecto a razón da forza está dominando a forza da razón, na que cremos moitos ilusos, sen que fiquemos, aínda así, dispostos a abandonala. Sabemos que neste «animal de fondo», que diría o poeta, non hai máis razón que a da forza nen máis lei que a lei que hai. Hoxe o mundo se está debatendo en razón da forza que cada grupo ten, como foi sempre, e agora estamos vendo, na particularidade do noso tempo, que non hai máis razón que a que impoñen os fabricantes de armas, coas que se van apoderando de todo o que pode potenciar, á súa vez, o seu poder, como é o petróleo, este accidente pasaxeiro que aparece nos plegamentos xeolóxicos, e mentres dure este recurso pode que sexa unha razón que non temos máis remedio que aceptar, xunto coas mentiras e invencións que nos dan, aínda que estes terroristas que poseen esas fabulosas armas, coas que dominan e rouban impunemente, atópanse con esas outras armas da autoinmolación, da que carece en absoluto o sector que de momento está vencendo. Cando o petróleo se vaia acabando, pode que do caos que se vai producir, outras forzas impoñan a súa razón, porque o mundo non está quedo, á noite segue o día, e se o «eu quero» é o noso ideal, o «eu podo», se responde a unha realidade, é moito mellor. Xa aquel sabio de verdade, aínda que atrabiliario, que era don Miguel de Unamuno, ao ver que os sarracenos mallaban en Don Quixote escrebeu: «Vinieron los sarracenos / e nos molieron a palos / que Dios ayuda a los malos / cuando son más que los buenos» . Non hai máis lei que esta da que tiña conciencia don Miguel. ¡Ai, a Democracia! na que con ela e amoado fan filloas nas tixolas os poderosos, de momento sen que se lle rompa o cacharro do amoado.