NON SEI se vostedes len os anuncios eróticos que aparecen nos periódicos. Deberían facelo e tamén as organizacións en defensa das mulleres, que en ocasións conseguiron a retirada de determinados anuncios vexatorios para a dignidade feminina. Coido que poucas cousas atentarán máis que esas ofertas nas que queda patente a extrema escravitude á que están sometidas as prostitutas que teñen que prestarse a tales prácticas. Aparecen como anuncios de particulares, pero a coincidencia dos números de teléfonos en diversos textos deixa ben claro que se trata dun negocio organizado. ¿Que ofrecen? Pola módica suma de trinta euros, unha «rubia espectacular» ou «unha chica guapa disposta a todo» , ou «unha estudiante de corpo de cisne» fan «absolutamente todo, ó natural, sen preservativo». Polo visto, o risco de contraer o sida resulta un incentivo erótico, e que as mulleres se contaxien non se ten en consideración. Por se houbese dúbidas sobre o que están dispostas a soportar, enumeran: para comezar recíbennos de xeonllos, para comelos por diante e por detrás. A continuación: penetración salvaxe oral, tragando; grego profundo, beso negro, masaxe anal coa lingua, sucio e limpo, chuvia na boca e coprofilia; ou sexa, o individuo poderá mexar e cagar enriba da muller. Verdadeiramente por trinta euros non se pode pedir máis. Espero que ninguén se escandalice polo que estou escribindo. O escándalo está en que tales ofertas aparezan en periódicos serios, e que a sociedade acepte como algo normal estas mostras de degradación da dignidade humana. O engadido de «estudiante» ou «universitaria» que aparece nalgún destes anuncios resúltame especialmente sarcástico. ¿Quere dicir que a cultura é unha cualidade estimada polos individuos que pagan para conseguir sexo? ¿Ou significa que se trata de mulleres cultas que elixen voluntariamente converterse en escravas sexuais... por trinta euros? ¿ Quo usque tandem , Catilina, abutere patientia nostra ?...