Vigo e o peixe

| ISAAC DÍAZ PARDO |

OPINIÓN

21 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

O MAR DE VIGO debeu ter importancia xa en tempos remotos. Non é pequeno dato que na Baixa Idade Media tivera poetas que o cantaran, dos que tres de eles chegaron a nós os seus ecos: «Quantas sabedes amor amigo / treydes comig'a lo mar de Vigo / E banhar-nos-emos nas andas!» . Xoxe, Vigo é o centro mundial de todo o que se relaciona coa pesca. Velaí temos a quinta edición da World Fishing Exhibition, coa súa conferencia internacional de ministros de Pesca. Mais este prestixio que acadou nos derradeiros 40 anos ten unha historia que convén recordar. Polo ano 1927, cando Vigo tiña unha poboación de 40.000 almas (hoxe ten 300.000, e a coruñesa Cidade das Rías Ferrol-Coruña podería ter hoxe un millón de habitantes e ser unha das grandes capitais industriais e económicas, pero...), fundábase unha revista da Asociación de Industrias Pesqueras na que Valentín Paz-Andrade non estaba ausente e polos anos 40 asumiu a dirección e a propiedade. Hoxe é a revista decana mundial do sector da pesca. Un científico galego excepcional, Bibiano Fernández Ossorio-Tafall, exilado e por entón ao frente da FAO, invitou a Valentín a dar conferencias en universidades da costa americana do Pacífico e investigar sobre o sector da pesca, encomenda que Valentín está comprindo polos anos 50. Máis adiante Tafall leva a Domingo Quiroga (a quen Valentín chamará cariñosamente Domenicus orzanicus), outro dos expertos en pesca. Valentín Paz-Andrade trae de América a inquedanza polo sector e por Galiza. Nos mares do sur hai caladeiros practicamente vírxenes, mentras que sabe ben do limitado da pesca de baixura galega. Vigo ten grandes posibilidades pola súa tradición pesqueira. Os asteleiros vigueses poderían construir barcos arrastreiros e conxeladores que chegen ao sur de África e Argentina, onde abunda a pescada austral. No 1960 constitúese Pescanova, que presidirá un dos fillos do lucense Antón de Marcos, José Fernández, empresario de éxito xunto cos seus irmaos. Valentín Paz-Andrade, como experto en economía pesqueira, vai de vicepresidente. No ano 61 sitúase a primeira operación austral cando o Andrade e o Lemos chegan a augas surafricanas e arxentinas. Todo un acontecemento que impulsa o crecemento e prestixio do porto de Vigo. Esta progresión ten un atranco no ano 73 coa crise do petróleo e das 200 millas que estivo a punto de afundilo todo. Non está mal recordar este atranco para telo en conta co que poderá vir. O fillo de Valentín, Alfonso, conseguiu salvar a empresa. Valentín tiña neste intre 75 anos e delegou todas as facultades nel. Alfonso tomou, entre outras medidas, o único camiño posible: facer sociedades mixtas cos países con augas nas que había que faena r. No 1983, catro anos antes da súa morte, Valentín Paz-Andrade participa nunha mesa redonda organizada pola Área de Ciencias Mariñas do Seminario de Estudos Galegos. Nela está o seu vello amigo Domingo Quiroga, e os acompañan os mozos da xeneración inmediata que poden entendelos: Xosé Manuel Beiras, Uxío Labarta e Xulio Pardellas. A mesa foi moderada por Andrés F. Albalat. Valentín era algo máis que un economista. Era historiador, poeta... Empezou recordando o destino frustrado de Galiza pola política antimarítima do Estado: sen mirar á América foise trocando nun Estado escurialense que primeiro perdeu Portugal e logo todo o imperio de ultramar. Domingo Quiroga defendeu a pesca de baixura. E entre el e Valentín desenvolveuse unha cordial discrepancia que fixo as delicias do auditorio.