Nós os terroristas

ISAAC DÍAZ PARDO

OPINIÓN

NA AFIRMACIÓN risquiana fálase de «nós os inadaptados» como unha confesión de que non soportamos as condicións que nos impuxeron uns intereses alleos ao noso ser nacional, é dicir: á nosa cultura, nosa lingua, nosas tradicións, ó noso ser doce e macizo coma a nosa alma románica, os poderes que nos mandaron a Don Fernando de Acuña como vice-rey e a Garci Chinchilla con 300 lanzas e un poderoso exército de extranxeros, que todas estas eran a la jineta y castellanas . Mais a nosa confesión de hoxe aceptando ser terroristas ven por outros vieiros, e tenta tirarnos do engano que viñamos padecendo, coidando que non só os galegos, senón tódolos pobos desta pel de touro, eramos uns patriotas, incluidos Daoiz, Velarde e Ruiz, defendéndonos dos gavachos que nos invadiran, e con ese engano coidabamos que o pobo español compoñía un conxunto de heroes capaz de librarnos da ocupación estranxeira; nin Hernardo López, o poeta que cantou aquela fazaña céibase do engano. Agora os medios todos nos falan do Iraq como exemplo de que son terroristas por se defender de quen os invadiu para lles roubar o petróleo. Así terroristas serían os vietnamitas por se defender da invasión ianqui, tamén os franceses co seu maquis loitando contra os nazis que invadiran Francia, e, ¿cómo non?, os españois loitando contra o invasor francés, aínda que algúns rematan entregándose a quen nos invade creéndose un Napoleón máis. Estes exemplos son os que nos fan despertar de creérmonos heroes contra o invasor francés e fainos dubidar se seríamos nós os terroristas e as tropas de Napoleón os heroes sublimes que nos viñan salvar, eso que acó non había petróleo, porque os anglo-ianquis o que fan no Iraq é salvar o petróleo. Estase vendo que os iraníes son potencialmente uns terroristas porque teñen petróleo e queren defendelo, e os heroes anglo-ianquis non van ter máis remedio que ocupar o país, e se se resiste masacralos como Deus manda. É fácil acusalos de terroristas con armas de destrucción masiva pois os ianquis e ingleses teñen moitos inventores e Pinochos. Agora compréndese que os terroristas somos os que nos defendemos de quen nos invade, e imos ser eliminados, e ademais os que viven en condicións moi precarias do terceiro mundo e pasan fame, o petróleo que tiñan xa é das compañías petroleiras e teñen a vida perdida enténdese ben que se autoinmolen cando xa non teñen onde caer mortos. O malo para eses heroes donos do petróleo alleo é que aínda que nos maten a todos os terroristas o petróleo vaise acabar, e, se cadra, máis axiña do que eles pensan e o cataclismo que se achega vai reventalo todo. Mais aínda quedan moitos idealistas como o Concello de Santiago con ese amor ao progresismo e aos automóbiles... e pouco amor ao patrimonio histórico, que aínda están pensando en meter outro estacionamento a carón da Porta Faxeira con túneles e non sei cantas cousas, que atrancarán durante moitos anos con obras que cando se rematen o petróleo empezará a ser un ben escaso e ese aparcadoiro (como din algúns protexidos pola Real Academia do Castrapo) non servirá máis que para se defender das tormentas.