NESTES DÍAS veu na prensa a noticia dunha operación cirúrxica que permitiu a un cego distinguir formas e colores e verse a si mesmo no espacio. Esa é a parte boa da historia, porque os comentarios sobre as súas impresións para moverse nese mundo recén descuberto son menos optimistas. Este home, que practicaba o esquí e que se desprazaba sen axuda allea polas rúas, agora non se atreve a facelo. Síntese atemorizado ante o tráfico ou ante a pendente da montaña pola que antes se deslizaba sen ningún temor. Tamén dixo que antes tiña que adiviñar a realidade exterior baseándose no tacto e no olfato, e agora tiña que adiviñala baseándose no que ve. A min recordoume o mito platónico: vivimos encadeados nunha caverna, de costas á verdadeira realidade, da que só nos chegan sombras que se proxectan sobre o fondo da cova, e só a través delas podemos imaxinar ou adiviñar como é o verdadeiro mundo das ideas. Ou sexa, que todos somos en gran medida cegos, máis ou menos conscentes. Por outra banda, o medo deste home reforza a opinión de aqueles que pensan que unha certa dose de ignorancia ou de irresponsabilidade axuda a vivir máis felizmente. O hábito lévanos a desprezar riscos que espantan ó que por primeira vez se enfronta a eles. E o non querer enterarse das cousas desagradables pode resultar egoísta, pero contribúe a unha vida máis plácida. Instintivamente tendemos a pechar os ollos cando se nos presenta algo que nos desagrada. Xa se sabe: ollos que non ven, corazón que non sinte. En contra desa postura de ollar para outro lado, está a postura voluntaria de buscar a verdade e de afrontar as dificultades reais, cousa que produce unha satisfacción moral, aínda que sexa máis incómoda. O ex cego falou tamén da ledicia de poder ver por primeira vez a cara da súa muller. O dito: toda unha parábola. «Ver» fainos conscentes das ameazas e da fealdade do entorno pero tamén nos permite coñecer o noso lugar na vida e disfrutar da beleza do mundo.