Preséntase en Vigo, entre as ondas do mar, a Enciclopedia de Nós: o Diccionario Enciclopédico Galego Universal. Non se trata, simplemente, dunha nova e xenerosa promoción de La Voz de Galicia. Máis. Estamos, xunto coa Biblioteca 120, presenciando a protohistoria dun motor fundamental para o desenvolvemento dos galegos, dos galegos de agora e os galegos do Futuro, esa bandeira branca. Porque abandonamos o minifundismo intelectual. Porque podemos mirar de igual a igual aos británicos e á súa enciclopedia, de onde sacou Borges -iso confesaba el- todo o «humus» da súa obra literaria. Porque non somos máis pequenos. Porque presumir de país é un bálsamo neste ano 2003, dez meses despois do buque aquel, tan canalla. Porque se Celso Emilio levantase a cabeza abrazaría os sesenta tomos desta obra, este coloso de Rodas, esta caricia do destino, e recitaría un poema: Unha vez houbo un home que nunca dixo meu. Porque precisamos dicir «meu». Porque un séntese orgulloso de ser quen é. Porque o outono é unha primavera que ten a lúa chea pintada, de ollos verdes, nos seus labios de uva. Para Vigo me voy, como na canción. A brindar por este Degu. Galicia e os galegos merecían algo así. En 2003, especialmente.