UNIR, en algo, o que é diferente é unha virtude que construe. Tentar uniformar o que por natureza é diferente só consegue alporizar. A globalización que pretenden eses peixes gordos das finanzas neoliberales na sociedade de consumo sobre o que ten interés pra eles, é tanto como facérmonos igualiños a certos sectores ianquis. Esta pretensión de querer uniformar todo o que nos interesa e despreocuparnos de onde non podemos tirar gabelas é un feito pouco ético mesmo a escala familiar como a escala mundial. Os povos que non teñen recursos que podamos expolialos nos importan pouco nas diferencias mortais en que se debatan, e alá coa súa misderia. Os que falan de uniformar o único que lles interesan son os negocios; o valor inmanente dos povos é un atranco pra eles que non entenden, porque a preocupación de gañar prebendas non lles deixou lugar de estudar antropoloxía. Obsesionados cos negocios e molestos polas diferencias culturaes nas que ven un incordio, agás a cultura ianqui a que aspiran, tampouco lles preocupa o futuro que os está agardando máis alá das súas propias vidas; si lles preocupase despertarían do despilfarro no que están traballando; pensan só no presente que disfroitan, e logo que veña o diluvio pra os que han de vir. A unha escala distinta, pero semellante, temos o mesmo problema na España, que se corresponde cos partidarios do neoliberalismo, nos que pensan só nunha liberdade de mercado pra que podan gañar os que máis teñan, e son partidarios de uniformar España orquestada polos que mandan en Madrid, os que veñen pretendendo dende hai séculos, con fracasos tan dramáticos para as Hespañas como a perda de Portugal cando quixeron asimilala á cultura castelán. Non acaban de entender que España é un Estado composto por nacións con culturas diferentes. Eles queren que España seña unha nación cunha cultura única, a castelán. E agora mesmo están a falar de respetar o ritmo da historia cando este non fixo máis que aumentar a reivindicación dos dereitos históricos dos povos, que foron pisoteados por ese centralismo uniformista cerril. Levan varios séculos intentandoo sen éxito. Os coarenta anos de franquismo, que se alzou contra o poder democrático constituido pra rematar co que eles chamaban separatismos, cando morre Franco viuse que o único que conseguiu foi incrementar máis a reivindicación dos dereitos dos povos diferenciados da península. Logo veu coa democracia posible que nos deron esa invención de café para todos , aceptando como boa que era esa palabra para eles maldita: autonomía, mais agora para todos. Palabra contra a que se fixo unha Guerra Civil cun millón de mortos. E logo de tantas voltas as cousas ficaron como estaban, coas institucións que nos impuxeron os franceses, desfacendos os reinos e dividindo todo en provincias con diputacións manexadas dende Madrid pra que acó non se mova ninguén, impedindo a reivindicación dos Reinos das Hespañas. Forma parte desta mentalidade uniformadora que agora teñamos a obriga de lle gardar as costas a ese sector dos ianquis que delinquen pra que eles podan expoliarlles o petróleo ós iraquíes namentras os Chaneys de turno se relamen felices co botín. Estados Unidos, aos que nós estamos tan entregados, son un estado federal; sí, mais pra eles nós somos só lamelugas.