Homofobia

| MANUEL REGUEIRO TENREIRO |

OPINIÓN

DOS DOUS elementos que entran na composición da palabra: homo e fobia . Fobia (repulsa, aversión) permanece co seu significado máis habitual; pero o outro compoñente homo (idéntico, común) «especifica» o seu contido: de significar o que é común a algo, pasa a referirse unicamente o que é idéntico nos humanos referido á súa sexualidade. Deste xeito circunscríbese á homosexualidade. Polo tanto, a palabra homofobia fai referencia ás diferentes manifestacións de repulsa cara ás relacións con compoñente erótico entre persoas do mesmo sexo. Se non fora pola economía lingüística (tendencia á simplificación) deberiamos dicir: homosexualidadefobia, porque homofobia é soamente «medo ó común», p. ex., posuír un «traxe exclusivo», idéntico a outros moitos. O segundo elemento da palabra (fobia) designa o medo ó obxecto ou situación designado na primeira parte da palabra, é dicir, na actualidade -e no concepto tratado- céntrase na homosexualidade e nas súas manifestacións. Esas repulsas foron e son moi estudiadas no ámbito privado, e moitas veces son consideradas -sen entrar no terreo da psicoanálise- como reaccións compulsivas ante determinadas situacións exteriores que normalmente non presentan perigo. Tamén teñen a súa concreción no recoñecemento e protección dos dereitos ó libre desenvolvemento humano. Neste dobre campo, do individual e do uso social dos dereitos, móvense as polémicas sobre as manifestacións homofóbicas e as súas antitéticas homofílicas: favorables a homosexualidade. Precisamente no avance social -na dialéctica social cara a unha sociedade máis libre e pluriopcional- considérase a homofobia como síntoma de intolerancia, e mesmo pode derivar en conductas delictuosas. Do mesmo xeito, hai quen se queixa dos «alardes» de promiscuidade e de libertinaxe social; pero iso xa non parece fobia, senón simple crítica feita desde unha moral social concreta. Se esa crítica derivase nun impedimento ó desenvolvemento da persoa, xa entrariamos na homofobia.