As linguas de Europa

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

05 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

O PARLAMENTO Europeo vén de propoñer a creación dunha Axencia da Diversidade Lingüística (ADL) cara a promoción e estudio da realidade da Europa multilingüe. Non sabemos aínda que pode dar de si. Os seus promotores prefiren ser prudentes nos planteamentos e madurar os pasos, conscientes da significación (simbólica e comunicacional) do fenómeno lingüístico e conscientes, asemade, de que a construcción da UE ten nesta cuestión un dos seus aspectos máis delicados. Unha lingua non é só comercio, como queren facer crer algúns, nin sequera só un vehículo de transmisión de información, que é unha función importante. De ser asi hai tempo que estariamos todos na «lingua universal». Unha lingua é (tamén) un territorio simbólico, unha patria común, un espacio emocional, un xeito de ver o mundo, unha memoria (herdada e compartida), a expresión dunha forma de cultura (diferenciada de outras), código de identidade a través do cal un grupo humano se expresa e se recoñece a si mesmo. Neste sentido, unha lingua é, tamén, unha vontade de ser. Á espera da ampliación próxima da UE, a ADL leva contabilizadas máis de 30 linguas europeas que poderiamos denominar de carácter «rexional», ou se se quere: linguas sen estatus administrativo, pero que existen. O galego non está neste caso. A lingua de Galicia ten carácter oficial na nosa comunidade, á par do castelán; e esta é outra das cuestións que preocupan. ¿Qué facer co catalán, por poñer un exemplo, con aproximadamente 7 millóns de falantes e un interese económico e comercial crecente, tal que explicaba hai pouco o director do Instituto Cervantes, Jon Juaristi? ¿Cómo opoñelo ao lituano, ao esloveno, ao estonio, cun número de falantes sensiblemente inferior, aínda que, coa ampliación da UE, estes idiomas pasen a recibir tratamento de linguas de Estado? Varias delas teñen menos falantes có galego. A lingua galega é, despois do catalán, o idioma con maior número de falantes entre as linguas «sen estado» dentro da UE. A nosa irmandade co portugués, a nosa proximidade lingüística ao mesmo, é unha interesante potencialidade estratéxica (ademáis) que non deberiamos ignorar. O deputado Camilo Nogueira ben que aproveita esta realidade cada vez que se expresa en Bruxelas ou Estrasburgo. ¿Para cando o estudio da lingua portuguesa, como materia opcional ou segundo idioma, nos planos de estudios de Galicia? ¿A quen lle asusta? ¿Confirmarase o peche da Casa de Portugal en Vigo, co que cultural e simbolicamente significa? O 42% dos cidadáns comunitarios admiten estaren capacitados para se expresar en inglés. Sen embargo, ninguén aceptaría, en ningún caso, a construcción de Europa (da súa identidade simbólica) dende este idioma, extraordinariamente útil noutras funcións. Nin dende o inglés nin dende ningún outro, en sendo o alemán o que ten un maior número de falantes europeos: 92.420.000. Franceses e italianos están no debate. E os daneses, os suecos, os holandeses¿ Tamén os cataláns. Non deberiamos ficar fóra. Cando se fai a casa é cando hai que estar na estada.