DAQUELA as redaccións arrecendían a chumbo: o chumbo quente das calderetas das linotipias, coas lampadiñas amarelas enriba dos teclados e a furia dos dedos apurando o cerre. Hoxe xa ningún periódico cheira así. Máis parecen oficinas asépticas, centrais de alta tecnoloxía, hospitais... A partir de determinada hora, mandaban os talleres. «¡Falta orixinal!». Catro redactores. Algún meritorio traballando sen cobrar: estudiantes de Dereito ou de Letras case sempre (os de Económicas chegaron bastante despois). Colaboradores ilustres cos textos redactados a man, que había que transcribir. Otero Pedrayo tiña o seu propio teclista. Ninguén máis entendía a súa letra. As bobinas de papel amoreadas no patio, cubertas cunha lona. O censor co lápis vermello: «Isto si, isto non». O secretario do arcebispo no teléfono. Ás veces, o propio arcebispo, ou o gobernador civil. Os señores, no casino. Os catedráticos, na cátedra. Os paisanos, nas leiras. A memoria, agochada. E ao rematar a xornada, ben entrada a noitiña, coma un bálsamo, a rolda das vellas tabernas, moitas delas co chan de terra, ribeiro tinto nas mesas, galeguismo e clandestinidade. Tal era o mundo de Borobó. Morreu un vello mestre. Non me atrevo a dicir o vello mestre. Pero podería dicilo. A respiración da noticia. Ese instinto especial para saber onde están as cousas e logo contalas. Esa mirada... Tiven ocasión da falar con el nos últimos anos. Non se queixaba. Nunca sentín que se queixase, melancolía tan común (e desgraciada) entre nós. Ao contrario, sempre me deu a impresión de ser un home feliz, coa felicidade escéptica da intelixencia, que sabe tirarlle á vida o mellor que a vida nos dá. Os seus últimos anos foron de extraordinaria lucidez, cunha memoria prodixiosa, incansable, e unha vontade de vivir contaxiosa e emocionante. Nos seus anacos , forma de columnismo periodístico (e literario) no que verqueu o mellor do seu talento e da súa personalidade, o lector pode seguir case que a memoria do pasado século. Non tanto a través dos grandes acontecementos como a través dos pequenos e aparentemente máis humildes sucesos cotiáns, a realidade próxima, que era a que el máis quería e, como xornalista, apreciaba. A crónica social da Compostela dos anos 40, 50 e 60, a crónica da Galicia do seu tempo, día a día, está aquí, nese longo caudal dos seus escritos, dende as primeiras colaboracións en La Noche (1946) ata onte mesmo, coma quen di, debruzado enriba da platina, co arrecendo do chumbo na pel, co entusiasmo dos primeiros días. Unha tarde, en Madrid, amosoume dúas castañas que levaba sempre consigo. «É a única superstición que teño», confesoume. «Nunca saio da casa sen elas. Mentres estean aquí, estarei eu tamén». Dúas castañas brillantes, lustrosas, redondas, que acariñaba de cando en vez, metendo a man no peto da chaqueta. En 1969 puxo a andar a revista Chan , logo da súa longa etapa en La Noche e en El Correo Gallego , axudado por un xornalista mozo, Perfecto Conde, que empezaba daquela. Valle-Inclán, a Bela Otero, Pablo Iglesias, o socialismo... eran algúns dos seus temas recurrentes, aos que adicou estudios e tempo. Xosé María García Palmeiro ten recollido moitas horas de conversas co mestre, que esperamos que algún día saian á luz. Será a crónica final que nos deixe, a derradeira, testemuña que foi dun tempo duro, difícil, no que sen embargo nunca perdeu a esperanza, nin o humor, nin os principios. Mentres escribo este ventiño amigo de despedida, intento imaxinar as castañas, arrombadas enriba da mesa, soas, perdidas, e paréceme que escoito (aínda) a canción orfa das linotipias.