De Montecubeiro a Abdel Hamid

| ISAAC DÍAZ PARDO |

OPINIÓN

O DERRADEIRO sábado inaugurouse no campo de Montecubeiro, do Concello de Castroverde, un monolito de gran tamaño, obra do escultor Mallo, con nomes grabados de un lote de homes e mulleres que foron inmolados nos primeiros anos da nosa Guerra Civil. Sarille Lanceiro relatou coma testemuña dos feitos nos seus 80 anos de vida, unha historia tremendamente dramática e excepcional de aqueles tempos. Pechou o acto o alcalde, Xosé María Arias, para afirmar a necesidade de recuperar a memoria da historia para que non se volte a repetir. Non hai asomo algún, dixo, de resentemento e revancha, e que no concello que preside pode haber diferencias de criterio, pero non hai enfrontamentos, afortunadamente, como o da historia que relatou Sarille e a que representa o monumento inaugurado, historia que non voltará a repetirse porque a inmensa maioría do pobo non quere xa nin falar dela; aínda que advertiu que noutros países aínda hai moita inxustiza e moita barbarie semellante á que houbo no Montecubeiro. Estes conceptos positivos e esperanzadores que escoitamos en Montecubeiro nos poden facer pensar, pois aínda fican nalgún extremo desta pel de touro na que vivimos restos daqueles enfrontamentos de hai 67 anos e hai que pedir a colaboura de todos para superar as cousas fondas que os manteñen e outras que poideran aparecer, pois hoxe hai máis coñecementos históricos que ampliaron o campo da reivindicación dos dereitos que corresponde a cada pobo. De Montecubeiro pasamos a esa impresionante fotografía reproducida en todos os xornais na que o imán palestino Abdel Hamid Mask, de 29 anos, profesor de teoloxía, mostra nos ses brazos, cunha sorrisa esperanzadora e orgullosa, aos seus fermosos fillos: un rapazolo de tres anos e unha rapaciña de dous. Friamente, este imán, posiblemente logo de se facer esta fotografía, meteuse nun autobús de xudeus, con explosivos no seu corpo que os fixo estoupar matando con el a 20 persoas, entre as que había tamén nenos coma os seus fillos, e ferindo a máis dun cento. As crónicas chámanlle a este imán terrorista. ¿Que significado teñen estas autoinmolacións que se están repetindo nos pobos desherdados, sobre todo nos musulmáns? No Oriente Medio hai abundante petróleo, e intereses alleos para se facer con el. A forza e protección que eses intereses diron ó pobo israelí non foron por amor ao pobo xudeu, senón para ter unha cabeza de ponte no flanco norte deses eidos, nos que os seus pobos non contan para os que representan eses intereses, e os masacran e arrasan a súas vivendas, o que está constituindo o peor dos terrorismos que se coñecen. Eses poderosos intereses non creen en máis idealismo que o do negocio, e ninguén se autoinmola por acadar unha gabela. Mais estes pobos si teñen o valor de se deixar morrer pola súa causa, que está por riba da vida e dese impresionante amor á vida que amosa a foto do imán cos dous fillos. Un se pregunta se esas sofisticadas e poderosas armas que utilizan quen representa aos especuladores do petróleo, aterrorizando con elas, poderán vencer a estes pobos que están despertando e deixándose morrer fronte a elas, como os cristiáns deixándose comer polas feras deica mover os alicerces do imperio romano.