CANDO eu era nena tiñamos medo ós chupasangues , que ninguén sabía de onde procedían nin quen eran, pero da existencia dos cales tiñamos unha certeza absoluta. Aquel era un medo feito de fantasías con escasos apoios na realidade, mentres que agora coñecemos os nomes e as imaxes das víctimas, ademais de todos os detalles da maneira atroz en que foron asaltadas, violadas e asasinadas. O medo entón era cousa máis ben de nenos e de mulleres, mentres que hoxe, cando camiñas detrás dun home, mesmo que se note que son pasos de muller, el cambia de acera ou afástase para botar atrás unha ollada de desconfianza. O medo antes tiña connotacións políticas. Moita xente temía que a foran buscar pola noite á casa. Era un medo inxusto, pero tiña unha causa, e por tanto víaselle unha solución. O de hoxe é un medo sen ideoloxía , que afecta a todo o mundo en calquera circunstancia. É absurdo e irracional como os asasinatos que o provocan, e non se lle ve remedio. A pesar dos chupasangues , a porta da miña casa de Mondoñedo mantívose aberta sempre mentres saíamos dar unha volta, e así estivo ata que hai cousa de cinco ou seis anos atopei a un descoñecido nas escaleiras do primeiro piso. Coido que o feito de estar nun sitio que eu sempre considerara seguro fíxome reaccionar con máis indignación que medo e botalo a caixas destemperadas, pese a que estaba soa na casa. En Madrid o medo formaba dende moito antes parte da nosa vida cotiá e a reacción ante feitos parecidos era moi distinta. Nunha ocasión ó abrir a porta do piso para coller o ascensor atopei, xusto no umbral, a un home. Era o profesor de música do meu fillo pequeno, pero cando esa idea chegou ó meu cerebro eu xa tiña botado un berro estentóreo e agudísimo. O rapaz tamén sabía quen era eu, pero, ó ouvirme berrar, berrou tamén, mentres apretaba contra o peito, como para defenderse, os cartapacios de música. Parece que a conclusión é que antes vivíase mellor. Moitos pénsano. Eu prefiro pechar a porta, berrar de vez en cando, e tirar para diante.