La participación en las elecciones a las 14 horas sube dos puntos hasta el 36,9 %
UN DOS EXERCICIOS que se acostuman facer consiste en tentar meter nunha palabra a personalidade sempre complexa dun ser humano. No caso de García-Sabell, sendo difícil, parece que podemos aproximarnos a este persoeiro co concepto de dignidade . As calidades vitais que acompañaron a súa existencia fixérono digno de valor e respecto (esta é unha definición de dignidade). Na súa traxectoria vital desprendeu sempre a sensación e a percepción de acompañar as actividades dun talante digno de aprecio, valor e respecto: no ámbito individual e no social. En canto as súas actividades preferentemente individuais -médico e ensaísta- sóuboas exercer, dentro das circunstancias temporais que lle tocou vivir, cunha perspectiva propia dun experto antropólogo personalista que se elevou a unha reflexión ben profunda sobre dúas cuestións sempre presentes: a dor da enfermidade e a mesma morte. Sobre o tema da morte versan (expreso unha opinión persoal) o mellor dos escritos que ten publicado. Cunha posición tan clara e tan reflexiva sobre ese momento de fracaso da medicina e de aceptación dos límites persoais sobresae a dignidade intelectual deste antropólogo galego. Na súa proxección social sobrancean tamén dous aspectos por el exercidos desde unha dignidade ben acrisolada: o seu paso pola Delegación do Goberno e a presidencia da Real Academia Galega. Simultanear as dúas tarefas foi un exercicio cotián de prudencia institucional e de responsabilidade social que moitas veces non foi ben valorada. O meu coñecemento directo de Domingo García-Sabell tense referido á súa tarefa de presidente da Real Academia, e podo afirmar que o percibín como unha persoa que sempre sopesaba prudente e respectuosamente as opinións dos demais, e que sempre seguiu os principios da súa conciencia autónoma . Isto creo que foi o que lle conferiu esa calidade definitoria da dignidade.