Os separatismos

| ISAAC DÍAZ PARDO |

OPINIÓN

03 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

OS ATAQUES dos estamentos condicionados do Estado que se están producindo contra os, ao parecer, representantes maioritarios do pobo vasco, posiblemente non consigan máis que enconar o problema. Nos centralistas, por inercia hai moitos equivocados e falsificadores da historia. Así, eses de mentalidade españolista son os que fomentan a crispación dos pobos periféricos da península Ibérica. Recordemos como estaba o problema do País Vasco nos anos da II República, e como o atopamos logo dos 40 anos de franquismo tentando acabar cos nacionalismos. E os 25 anos da política post, ou neo, franquista só viron afianzarse o nacionalismo vasco aínda diminuída a represión que chegara na Guerra Civil á monstruosa couventrización do santuario dos vascos, Guernica, por encargo do franquismo á aviación alemana. Aos que reivindican un certo recoñecemento dos seus dereitos históricos os centralistas chámanlles arredistas ou separatistas que tentan disolver a unidade da Hespaña , cando os únicos separatistas do Estado español son eses centralistas aos que se lles parou o reloxo no tempo desgraciado do Conde Duque de Olivares, que coa súa estreita mentalidade provocou a separación da principal nación española, Portugal, ao pretender asimilar este pobo á cultura castelán. Certo que por 60 anos Portugal estivo formando parte das Hespañas por designio ou dereitos sucesorios de Felipe II. Mais esta unidade era moi difícil de manter. Cando Felipe II herdou o trono elixiu Madrid como capital pensando en colocarse no centro para unir aos diferentes pobos peninsulares, desbotando a alternativa de Barcelona para facer unha política mediterránea, e a de Lisboa para facer unha política atlántica cara a América. Así, en tempos de difícil comunicación terrestre a capital do Estado ficou a 500 quilómetros do mar, e o que foi máis irrisorio é que o Almirantazgo de Castela ficaba a outros 500 quilómetros da costa, en Medina de Rioseco. Así non debe extrañar que os que tiñan máis idea da importancia do mar foron desfacendo o Imperio de Madrid con simples bofetadas nas que se ensañou Norteamérica, que hoxe estamos a servir. A partir de Alfonso VI, secuestrador do noso rei García, Galiza desapareceu como reino e pasou a ser un olvidado condado do reino de León. Mais Isabel a Católica inclúe o título de raíña de Galiza no seu testamento. España é un Estado plurinacional formado -aínda que deformado- por nacións con culturas ben diferenciadas. Os homes que viñan loitando por liberar a España de tantos absurdos que se lle foron sumando, republicanos, socialistas, centristas, buscaban fórmulas federais como única solución. A Constitución da II República ía ser federal e ficou en federable por presión dos retardatarios. Se queremos ter paz interna no Estado español, hai que respectar as diferencias e os dereitos históricos de cada pobo que o forman, e que o encono nacionalista non vaia a máis. Norteamérica, a que manda en nós, é un país federal. Nun parágrafo desta nota emprego en cursiva Hespaña , con H, como fai Castelao no Sempre en Galiza . Agora sei que Castelao tomouno de Vicente Risco.