A presunción ortográfica

| MARÍA XOSÉ QUEIZÁN |

OPINIÓN

FINALMENTE a Academia aprobou a reforma da normativa. As modificacións achégannos algo máis aos portugués, pero continúan mantendo o galego como lingua illada, separada do seu tronco lingüístico e condeada ao acabamento. O galego, un dos dialectos do latín que se orixinan no norte da Península, aparece escrito no S. XII dando forma a unha fermosa lírica, e úsase como lingua poética do resto da Península, agás Cataluña. O galego pasará a chamarse portugués cando nace esa nación independente, da mesma maneira que o castelán, orixinado no norte de Castela, chamarase español ao ser o idioma de España. A diferencia consiste en que Castela pertence a España, e os españois non negan que falan castelán, mentres que a Galiza do norte non se independizou con Portugal, seguiu unida a España, e os portugueses, mesmo os lingüístas, fan malabarismos para disimular que a súa lingua é o galego. O absurdo é que tamén os galegos entren no xogo, adoptando o papel de adolescentes resentidos en lugar do da nai responsable, consciente e realista. O galego, convertido en lingua coloquial e rural, deixou de escribirse a partir do S. XV e foi perdendo as súas características pola influencia da lingua oficial e culta, o español. En Portugal seguiron escribindo o galego e conservaron a ortografía e fonética medievais, enriquecendo o idioma conforme á modernidade. O galego rexorde na escrita no S. XIX,  a partir da lingua oral e vulgar, pero con ortografía española, ignorantes da existencia da literatura medieval. No último cuarto do S. XX, por primeira vez , o galego é oficial. Era o momento de adoptar a ortografía propia e igualalo con pobos tan lonxanos e de cultura tan diversa, Brasil, Mozambique, Timor..., que escriben portugués, ou sexa, galego culto. O aldeanismo e o españolismo confabuláronse para impedilo. Negáronnos a universalidade, a utilidade idiomática, a fachenda de pertencer a unha das linguas máis extendidas do mundo, e condeáronnos a morte.