Homes e patrias

OPINIÓN

DURANTE un tempo buscamos patrias nas que, por fora de todo, deramos construído unha casa habitable, como aquela que conta Vialatte, onde as pantasmas se sinten cómodas nas súas rutinas e viven no faiado, e onde os nenos dormen cun sono acaído a dimensión do home, cheo de irracionalidade, pesadelos e medos propios de cadanseu tempo. Así foi o discorrer dos tempos cando esmorecía o franquismo e tamén aqueles outros constituíntes, onde represión, terrorismo, golpismo e involución eran pesadelos nos sonos e na vida. Entre eles latexaba o desexo de andaren a facer unha casa na que cadaquén aportara o seu todo, renunciando mesmo a moito do seu, para dar entrada ó todo de outros. As ideas, as patrias e as vidas de cadanseu eran as de todos e semellaba unha democracia posible. Unha corrente humanista, de liberdade e confianza afirmaba cidadáns, futuros e democracia. Os políticos, aínda que homes, semellaban sabios, coñecían moitas historias e sucedidos, respectaban ós cidadáns e a democracia e mesmo sabían interpretar as estrelas. Logo, chegaron tempos nos que todo se cegou: a verdade colectiva, a casa, os homes e as patrias deron en se converter nunha única verdade absoluta que catalogaba e segregaba os cidadáns polo seu pensar. Tempos onde a sabedoría, a análise, a controversia deron có dogma. Os plurais do colectivo -como patrias, cidadáns, pensamentos- se singularizaron. E os homes, algúns homes, empezaron a sentir frio, sen ninguén que lles dera o acubillo da esperanza. Estremecinme estes días escoitando a un fato de fiscais, non por fiscais senón por homes, cando vín que se tiñan de reclamar deste tempo e deste país, facedores colectivos de democracia, homes de esquerda, para se explicar, para explicármonos un ominoso por qué dunha vida profesional quebrada. Estremecinme porque políticos pouco asisados e irreflexivos seica firmaron un pacto de Estado, ou o que é o mesmo, comprometeron a sua credibilidade e a dos seus representados, nunha lei que permite, baixo capa de democracia, afastar do seu cometido profesional na función pública do ministerio fiscal, a un alguén que non teña o mesmo pensar, a mesma vida, que o seu superior. Ou, ¿alguén fixo critica da sua capacidade e do seu traballo profesional? E vin tres homes, alomenos tres, a quén se lles pretendeu deixar sen patrias: aquela primeira e propia do pensamento, aquela primeira e propia do traballo. E vin tres homes alcumados, dos que pouco máis sabía que eran fiscais, que por non perder tamén a patria da dignidade tiveron que se vindicar como homes, como homes de esquerda. Comprenderán pois que lles teña mais lei ós homes e ás patrias, buscandose con lealtade na fala e no consenso, que ós pactos de Estado. Ben sei, inxenuidade cando andamos no imperio.