COMO unha película que aburre: abrazábanse sobre as ondas do mar e deixaban caer os seus corpos espidos na beira plena de caracolas. El recitáballe a Serrat: el sol nos olvidó ayer sobre la arena. Ela prefería Maná, a canción da mariposa traicionera, pero o muchachote aquel era un romántico antiguo, con pasta, educado, caballero, cauto e comedido, que tomaba unha botella de auga entre copa e copa porque estar borracho non é decente. Un tipo de home que lle gusta a todas as mulleres. A todas, menos a ela. Seguía o xogo porque seguir o xogo era a súa afección favorita, para escapar de si mesma, do tedio. Para escapar da mariposa. O destino: entraba nun bar e aparecía Maná. Decidiu, daquela, converterse ela mesma en bolboreta. Converterse en canción. Os homes adorábana. Todos menos un perdedor que xa perdera todo, incluso o seu amor por ela. Por iso a bolboreta anda de mar en mar patinando sobre as ondas. Repetíndose. Buscando unha lúa que lle recite a Serrat. Pero non a do sol, que nos olvidó ayer sobre la arena. Outra. A bolboreta, tan linda, que deixa caer unha lágrima mentres o muchachote romántico, educadamente, suplica: Enamórate de mí este verano. ¡Aaahh! Como unha película que aburre.