O 25 DE XULLO é a festa maior da Galiza. «Se no abrente deste día poidésemos voar sobre a nosa Terra e percorrela en todas direccións, asistiriamos á maravilla dunha mañán única». Castelao, coa súa muller Virxinia, está recordando o 25 de xullo do ano 1947 nun porto do sur de Francia mentras agardan o barco que os levará a Buenos Aires. Sabe que non voltará a ver a súa Terra e a súa nai, e fai unha descripción da Galiza en festas que comenzan en Santiago co grave tanxido do bronce da Berenguela, repinicada cunha muiñeira nas campás das torres do Obradoiro e contestada por todos os campanarios da cidade. Mais as campás de Compostela anuncian algo máis que unha festa litúrxica no interior da catedral con dignidades mitradas e ornamentos marabillosos de brocados e ouro, con chirimías e botafumeiro, capaz de lle dar envexa á mesma basílica de Roma. As campás de Compostela anuncian a festa dun pobo que ten unha característica ben diferenciada das terras de onde saíron os que nos roubaron con enganos hai 931 anos -nove séculos- ao noso Rei García e deixaron desasistidos e sen voz a uns condados nos que unha mala sorte, que non cesa, decidiron arredarse ao bracarense para non seguir padecendo os designios do seu curmán. O soño de Castelao describiu unha das páxinas máis fermosas da nosa historia. O Día de Galiza, as festas do Apóstolo, tráeme relembros do tempo que vivín en Santiago antes do ano 36. Entón non tiñamos este inferno de automóviles que atranca a cidade e que, pola contaminación que producen, a catedral xa non teña liques nas partes altas. A gran festa para o pobo era a noite do lume na praza do Hospital, que así se chamaba á que hoxe chámase Obradoiro. A praza, salvo os carreiros de canteiría que a atravesaban, o mesmo que hoxe, era de terra endurecida. A chapa-cuña que agora ten foi obra dos concellos do período franquista. Entón non había tanto turista coma hoxe que non colle na praza; mais o pobo das aldeas veciñas tiña unha gran presencia na festa. Para chegar a ver o lume, con dificultade para voltar pola noite, moitos traían roupa e colchóns nas testas das mulleres e pasaban a noite nos portais e nas beirarrúas. Recordo este espectáculo na miña rúa das Hortas coa xente durmindo fóra. O Concello algunha vez ten aberto a porta da Falcona na Costa do Cristo para que servise de refuxio nocturno aos romeiros. Os elementos que se queimaban, algunhas rodas arboladas polo medio da praza, os foguetes e o globo que se elevaba no espolón, ademais da fachada, cuxa queima sinalaba o final da festa, todo elo podía ser, e o era, máis modesto do que o é hoxe. Mais no meu recordo o lerio era máis auténtico. Hoxe quéimase unha fachada que din de estilo gótico e apareceu no arquivo como unha idea para esta festa, sustituindo á significativa de sempre (en todas as épocas téñense feito disparates). Non hai moitos anos, queimaron unha que representaba o Pórtico da Gloria (disparate maior). A fachada significativa de sempre representaba un alcázar mozárabe, e a súa queima escenificaba o triunfo dos cristiáns sobre os mouros. Queimar unha fachada gótica ou románica xa me dirá alguén que sentido ten. Os conservadores do noso tempo non se sabe ben o que queren conservar.