Se salvarán, tamén a nós

OPINIÓN

18 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

O LAICISMO sempre foi un elemento perturbador da liberdade. No confesional e no eclesial sempre tivo a liberdade do home o seu mais firme sustento. Así foi dende hai séculos, e así seguirá sendo. Spinoza, e tantos outros proclamaron a liberdade de pensamento e de expresión. Todos foron clandestinos ou morreron polo poder salvífico do confesional. Como Giordano Bruno ou como o clérigo Meslier, predecesor daquel recentemente afastado polos anglicanos, que sen crer transmitía no seu oficio as crenzas que precisaban os seus feligreses. E no vintecinco cabodano da Constitución moitos andan a se salvar, mais sobre todo con empeño en que todos nos salvemos. As cousas empezan sempre na defensa da liberdade de conciencia, aquela que historicamente a tantos lles foi negada pola colusión entre poder eclesial e poder temporal. Cando nos primeiros tempos constitucionais se debatía sobre ensino houbo o achado do cheque . Logo dimos cun outro aínda mellor, o concerto , baseado non só na sempre teimuda insistencia de canto mellor o privado que o público, senón tamén na liberdade dos pais para escolleren a educación dos seus fillos. Arranxado e normalizado o concerto, e con el o financiamento público de grande parte do ensino privado en base a esa liberdade que incluía a capacidade de adeprender a relixión propia do ideario de cadanseu centro, seguiron na procura de mais liberdade: No ensino público e unha Constitución laica, se precisa da ensinanza relixiosa. Conséguese elo no decorrer da madurez constitucional, mais tampouco abonda. Non tiña valor lectivo e polo tanto semellaba que fora unha maría. Agora seica estamos onde debe estar a liberdade: Ensino da relixión, con valor lectivo e, para que non digan, a alternativa que confirma a liberdade inclúe un programa parello inda que seica laico, se ben non ateo (situación límite, mesmo incomprensible, do pensamento e convición persoal). Restituida con éxito, logo de vintecinco anos, a liberdade relixiosa no ensino, aquelo que o rodea son migallas. Non é doado comprender o escandalo cando un partido laico e progresista negocia coa autoridade eclesial a esplendorosa etapa de liberdade relixiosa no ensino que vimos de acadar. ¿Por qué non pode haber tamén un pacto de Estado, como aquel pola xustiza, sobre do ensino obligatorio e con valor curricular da relixión? ¿Por que se escandalizar, non só de que se pague ó profesorado relixioso con cartos públicos, senón que se acuda, para un ensino oficial, a unha selección e contratación do profesorado por parte privada e eclesial? ¿Cecais non é certo que outros servicios son subcontratados polas administracións públicas a organizacións privadas para que os desempeñen no seu nome con acerto e eficacia? Míseros de corazón, tamén haberán de salvarnos.