A MEDIADOS dos anos 70 chegou ás miñas mans «Pensamento e sementeira», ampla escolma de textos xornalísticos que Salvador Lorenzana (Fernández del Riego) reuníu para as Edicións Galicia do Centro Galego de Bos Aires e o Instituto Arxentino de Cultura Galega a partir da obra, xenerosa e dispersa, de quen foi unha das figuras máis sobranceiras do periodismo do primeiro tercio do século XX. A historia do xornalismo galego está por escribir. Nos últimos tempos empeza a haber achegas importantes, aínda que parciais. O Consello da Cultura Galega prepara dous volumes sobre Xornalistas de Opinión, dende Manuel Pardo de Andrade (1760-1832), o primeiro de todos nós, a Wenceslao Fernández Flórez, Luis Seoane, Roberto Blanco Torres ou Anxel Fole, na que se inclúe unha escolma e mais un ensaio sobre a obra e a personalidade de Antón Villar Ponte (1881-1936), a cargo dun dos seus máis recentes estudiosos, Emilio Insua. La Voz de Galicia ofrece aos seus lectores o próximo 25 de xullo, Día da Patria Galega, unha selección de traballos publicados por Villar Ponte neste xornal, do que foi redactor destacado. Abofé que ha ser unha oportunidade para coñecer a obra dun dos nosos grandes periodistas. Nunha especie de autoentrevista que o escritor publica nas páxinas do xornal Galicia co gallo dos seus 25 anos de exercicio da profesión, e que Salvador Lorenzana presenta case a xeito de limiar na citada escolma, o autor define este oficio noso coma a auga que corre. A auga da noticia. A actualidade arde cada día e desaparece ao día seguinte, nunha vertixe acelerada que nos arrastra, que se nos vai entre os dedos, como a propia vida. Na súa época de director de El Noroeste (A Coruña) chegou escribir ata seis e sete artigos diarios. Correspondente en Galicia do Diario de la Marina de La Habana, onde se formou como profesional, igual que tantos outros (Ramón Cabanillas, Blanco Torres), a súa producción aparece en case que tódalas cabeceiras da época, aquí e acolá, dende as páxinas de La Voz ás do xornal Galicia (Vigo), dende «La Correspondencia» de Cienfuegos (Cuba) á El Pueblo Gallego. Fundador das Irmandades da Fala en 1916, activista cultural e político, cofundador de ORGA (Organización Republicana Galega), deputado no Parlamento Español, autor teatral, narrador, ensaista... «¿A miña obsesión?"» escribe. «Galicia. Dende hai dez anos podo afirmar que nin un só día deixei de escribir algo que non estivese relacionado con asuntos galegos. Obras son amores». O seu enterro, poucos días antes do plebiscito do Estatuto de Autonomía de 1936, foi unha mostra de admiración popular, coa capela ardente instalada no pazo consistorial coruñés, miles de persoas a pasar por diante do cadaleito. Afortunadamente para el non chegou ver a desfeita que había de vir despois, a purga feroz, a represión dos facciosos, os compañeiros mortos, o terror... Blanco Torres, asasinado en Entrimo, tivo menos sorte, igual que Víctor Casas, xornalista tamén, Lustres Rivas, Huici, Camilo Díaz Baliño, Alexandre Bóveda, Ánxel Casal, Quintanilla... O discurso da palabra pagou un altísimo prezo. A opinión libre das ideas é parte consubstancial á modernidade, que a barbarie frustrou, coma quen mata a esperanza, conscientemente, pero que non deu enterrado, porque rexorde. Escribo este artigo un 18 de xullo, sesenta a sete anos despois.